Alcaldesa de Lugo sobre o proceder da Casa da Muller: "Non se pode actuar se non hai denuncia"

Lara Méndez nun acto de repulsa aos atentados de París [Concello de Lugo]

Lara Méndez defende a actuación da institución no caso de Ana Gómez, asasinada en Becerreá.

"Esta persoa non presentara ningunha denuncia, o que se lle dixo foron as pautas a seguir que se lle din a calquera persoa que é vítima de maos tratos: como debe actuar para que logo se poida actuar desde servizos sociais", así respondeu a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ás voces que piden unha investigación sobre a actuación da Casa da Muller no caso de Ana Gómez Nieto, a muller asasinada pola violencia machista en Becerreá. 

Ana Gómez solicitou información na Casa da Muller o día en que foi asasinada, previamente fixérao no Concello de Becerreá

Gómez Nieto visitou a institución o mesmo día en que foi asasinada polo seu compañeiro para solicitar información sobre as axudas coas que contaba para se independizar. Porén, desde a Casa da Muller --de acordo co relato da rexedora luguesa-- sinaláronlle que debería presentar unha denuncia previamente para activar o "protocolo". 

"Seguise totalmente o protocolo", sinala, "non se pode actuar se non hai unha denuncia previa e así o di o protocolo de actuación". Lara Méndez coida que o proceder da Casa da Muller foi correcto e que Ana Gómez non ficou "desamparada" senón que estivo "ben atendida" por unha institución que, subliñou, atende "3 mil casos nun ano" por violencia machista. 

"Seguiuse totalmente o protocolo"

Lara Méndez respondeu así ás asociacións contra a violencia machista de Lugo que solicitan sexa investigada a actuación da Casa da Muller tendo en conta que Ana Gómez estivo alí o mesmo día en que foi asasinada e despois de ter acudido en diversas ocasións á traballadora social do Concello de Becerreá. 

Neste senso, a asociación Si, hai saída xa avanzou que instará a Fiscalía a investigar de oficio o proceder da institución.