Este é Alberto Pedrera, directivo da sanidade privada que dirixirá o Sergas en Valdeorras

Alberto Pedrera Fidalgo será a cabeza visíbel do Hospital de Valdeorras. (Foto: Sergas)
Sanidade nomea Alberto Pedrera director de distrito

Alberto Pedrera Fidalgo é o novo director do distrito sanitario de Valdeorras elixido polo Sergas. Así se recolle no DOG de onte por medio dunha orde da Consellaría de Sanidade que informaba da provisión deste posto polo sistema de libre designación após a saída de Margarita Rodríguez, que presentou a súa dimisión a finais de febreiro.

Nos últimos cinco anos, Pedrera foi o director de Recursos Económicos e Humanos do centro médico El Carmen, un hospital privado de Ourense. Hai xa unha década, traballou na xestión sanitaria como un dos directores da empresa pública Galaria, da que aínda figura como apoderado e cuxa xerente é a ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera. O persoal sanitario do hospital de Valdeorras non valora de maneira positiva o paso da sanidade privada á pública de Pedrera. 

O membro da xunta do persoal do centro, José Jesús Vilasánchez, explica a Nós Diario que “marcha unha economista e envían outro”. “[Pedrera] sempre levou relacións económicas e estivo relacionado con diversas actividades no sector privado” polo que “nos parece vergonzoso que non teña unha mínima vinculación coa sanidade”.

Nesta liña, Vilasánchez critica que o novo director do distrito non ten “ningún proxecto sanitario” e que “só vén contar un discurso baleiro sobre as obras que se van facer no centro”. Opina que esta é outra estratexia da Administración para “recortar gastos”.

Cando un dirixente se basea no binomio “custo-eficiencia”, a sanidade do rural, habitualmente máis custosa que a urbana, resulta un “servizo ineficaz”, explica Vilasánchez. Así, critica que a carencia dunha idea sanitaria e o descoñecemento da realidade do rural van “rematar” cos seus servizos, que xa están a ser “desmantelados”.

“Nós temos a maior cantidade de pacientes con silicose do Estado español, mais non contamos con ningún servizo de pneumoloxía potente; e, en vez de enviarnos [un director] que coñeza a realidade sanitaria, mandan un economista”.

Vilasánchez lembra que, hai 15 anos, o hospital de Valdeorras contaba cuns servizos “moi potentes”, nada que ver con “como está agora”. Sinala que, desde entón, non hai máis persoal sanitario, non se atende máis pacientes, non hai máis especialidades e non se traballa en novas patoloxías; “é todo fume, e o deste home [Pedrera] tamén”.