Cinco vigueses recibirán 1,1 millóns en compensación por sufrir silicose

Un empresario é condenado a máis dun ano de cadea.
A silicose afecta os pulmóns (Foto: Nós Diario).
photo_camera A silicose afecta os pulmóns (Foto: Nós Diario).

Un empresario de Almería aceptou pagar unha indemnización conxunta de 1,1 millóns de euros a cinco empregados vigueses con silicose provocada pola utilización dun dos seus produtos durante a actividade nos seus postos de traballo.

Esta foi unha das partes do acordo de conformidade alcanzado esta segunda feira na vista levada a cabo no Xulgado do Penal 2 de Vigo contra dous empresarios pola enfermidade dos devanditos traballadores.

A pesar de que Fiscalía solicitaba inicialmente tres anos de cárcere e dous anos e nove meses de prisión, respectivamente, para os dous empresarios que eran acusados, finalmente un deles foi condenado a seis meses e tres días de prisión por cinco delitos de lesións graves por imprudencia grave coas atenuantes de dilacións indebidas e reparación do dano.

Isto último foi grazas a que aceptou pagar 1,1 millóns de euros para indemnizar os cinco traballadores afectados polos produtos, máis do que solicitaba o Ministerio Fiscal.

Pola súa parte, o outro empresario, neste caso responsábel da empresa viguesa onde traballaban os afectados, tamén foi condenado polos mesmos delitos. 

A maiores, tamén foi condenado por delito contra os dereitos dos traballadores, polo que pagará cunha pena dun ano, tres meses e tres días de cárcere. Este home non pagou indemnización algunha, polo que a acusación particular resérvase accións civís para reclamar algunha contía.

Hai máis de 20 anos dos feitos

Os feitos ocorreron hai máis de 20 anos na empresa viguesa administrada polo segundo condenado, dedicada á manipulación, mecanizado, preparación e instalación de mesados de granito, mármore e principalmente de aglomerados de cuarzo, empregando Silestone, que xera na manipulación un po con "elevadísima" porcentaxe de sílice que queda no aire.

Comentarios