"Aínda por riba de estar a pasalo mal a policía tírase en riba do máis débil para machacalo"

Conversamos con Marta Garrido. Ela e a súa familia foi despexada do piso no que vivían por un forte dispositivo policial. Ademais dunha denuncia por usurpación presentada polo propietario da vivenda, enfrontan cargos por un presunto delito de atentado e resistencia á autoridade após seren denunciados pola propia policía. 

Como aconteceu todo?
Estabamos durmindo tranquilamente e comezaron a dar golpes na porta. Só dixeron que era o dono do piso, non se identificaron. Pedímoslles que agardaran, queríamos falar coa avogada, mais seguiron golpeando até que tiraron abaixo a porta. O meu marido ergueu as mans cando os viu vestidos de antidisturbios, con chaleque anti-balas, escudo, casco... Comezaron a golpearnos coa porra. Corrimos cara ao lado contrario mais seguiron golpeando. Esposáronnos e puxéronnos contra o chan no relanzo. Só nos deixaron coller a identificación, dixéronnos que os animais tamén os ían levar. Á miña filla deulle un ataque de ansiedade, pedimos un médico e veu o 061 mais tiveron que atendela alí. Agardamos a que viñeran uns coches e leváronnos á comisaría. Nos cabouzos insultáronnos, ao meu home apertáronlle tanto as esposas que agora aínda ten que ir ao médico porque non ten sensibilidade na man. Durante o tempo que estivemos alí un dos axentes dicíalle 'érguete' e outro viña e dicíalle 'senta' e dáballe coa porra mentres lle berraba 'non che dixen que sentaras?'. Foi unha tortura. Pedimos ir ao hospital polas lesións mais custou moito que accedesen. Cando nos levaron dixéronlle ao médico que xa nos viran e que non tiñamos nada mais fixo o parte igual e fotos. Quedou todo rexistrado. 

Esposáronnos e puxéronnos contra o chan no relanzo. Só nos deixaron coller a identificación

Mais son eles os que vos acusan de atentado e resistencia á autoridade...
Un dos policías ameazou o meu marido cando non había ninguén e díxolle 'te voy a rajar el cuello'. É surrealista que nos acusen a nós, coma se fósemos criminais e que teñamos que ir ao xulgado asinar cada 3 e 16 de mes. Xa nos detiveran antes e notificáronlle ao meu marido que tiñamos dous días para deixar o piso mais fixéronnos unha trampa en toda regra porque cando viñeron apenas pasaran 15 horas e a min que son a quen están o nome dos recibos non me notificaron nada. 

O propietario denunciavos por usurpación da vivenda...
Iso foi outra mentira. Todo foi moi irregular. Cremos que usou o da usurpación porque así todo vai máis rápido e non lle custa nada, non ten que pagar avogado nen procurador segundo nos dixeron. Isto foi un precedente, unha maneira estupenda de botar xente sen recursos. Ademais o propietario ten que ter moitas influencias e coñecidos. Ten moitas vivendas. O que quixeron foi facer unha mostra de poder. Quizais fomos un cabeza de turco, un aviso para quen non paga. E nós xa tiñamos todo empaquetado o único que queríamos era un pouco de tempo para atopar outra casa. Mais a actuación policial foi absolutamente desproporcionada, chamei a avogada para que viñeran axudarnos mais non chegaron a tempo. Viñeron así porque querían collernos durmindo. 

O que quixeron foi facer unha mostra de poder. Quizais fomos un cabeza de turco, un aviso para quen non paga

Onde estades a vivir agora?
A PAH deixounos un piso pequeno até que atopemos algo pola nosa conta. Entretanto seguimos a buscar traballo. Á miña filla (24 anos) ofrecéronlle un traballo estes días máis é dun día á semana e con iso non chega a nada. Pedimos unha Risga mais vai tan lento que non puidemos solucionar esta situación, poden demorarse até un ano. O sistema está moi mal montado. Danlles posbilidades aos de arriba para nos poder botar da vivenda axiña co da usurpación e a nós péchannos todas as portas. A xustiza e a policía actúa fatal, deberían servir a quen o necesita, non ao poderoso. Aínda por riba de estar a pasalo mal a policía tírase en riba do máis débil para machacalo. O único que queremos é vivir normalmente, cun traballo e que nos deixen en paz. 

Que faredes agora?
Tomaremos medidas. Estamos a estudar coa avogada que facer para facelo ben e tentaremos reunirnos co concello. 

O único que queremos é vivir normalmente, cun traballo e que nos deixen en paz

Púxose en contacto con vós?
Nada, nunca tentou falar. Están a escaquearse. Nós tentamos recuperarnos do shock, polo estrés estábamos esgotados. A semana que vén comezaremos a procurar unha solución. Temos probas de que non é unha usurpación, terán que demostrar por que o puxeron. Mais estamos seguros de que para nós, todo vai ir moito máis lento.