Desafiuzada e detida unha familia de Vigo

A nai, o pai xunto cunha filla de 24 anos e outro de 19 atópanse na comisaría de Vigo acusados de "usurpación".

Esta quinta feira a primeira hora da mañá foi desafiuzada unha familia de Vigo e as catro persoas que a integran --a nai, o pai e dous fillos-- foron detidas e levadas a comisaría. 

Segundo fontes consultadas por Sermos Galiza da PAH de Vigo axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP) irromperon no piso "tirando abaixo a porta" e "con moita violencia" para proceder ao desafiuzamento da familia.

Forzas policiais tiraron abaixo a porta da vivenda e levaron prendidas as catro persoas que compoñen a familia

Posteriormente levaron as catro persoas detidas acusadas de "resistencia" mais tamén de "usurpación" por parte do propietario da vivenda. Esta persoa, segundo puido saber Sermos Galiza trataríasde dun "grande posuídor" de vivendas. A familia, que non conta cun contrato de aluguer, si está en posesión de "recibos" dos gastos correntes da vivenda. 

O home, segundo explicaron a Sermos Galiza, xa fora prendido na cuarta feira e posteriormente posto en liberdade. 

Foron denunciadas por "usurpación"

Desde a PAH de Vigo convocaron unha xuntanza fronte á comisaría, situada na Rúa López Mora, ás 18 horas para "facer presión" e exixir "polo menos que os solten", afirman. Aliás, unha avogada da Oficina de Dereitos Sociais (ODS-Coia) tamén se desprazou até a comisaría xunto con representantes da PAH para reclamar a posta en liberdade das persoas detidas.