A familia desafiuzada en Vigo, acusada de "atentado á autoridade" e "resistencia"

Concentración ás portas dos Xulgados de Vigo [Imaxe ODSCoia]

Marta, o seu compañeiro e os fillos de ambos pasaron a disposición xudicial e foron postos en liberdade con cargos. 

A familia desafiuzada onte na cidade de Vigo e prendida por axentes da Policía española pasou esta sexta feira (12 de agosto) a disposición xudicial e foi posta en liberdade con cargos. Segundo explicou a avogada, Esther Lora, en conversa con Sermos Galiza, pai e fillo (19 anos) están acusados dun presunto delito de "atentado contra a autoridade" e "resistencia" por terse negado a abandonar o domicilio. Marta e a filla (24 anos) dun suposto delito de "resistencia". 

Segundo o auto policial os axentes aseguran ter sido agredidos polos dous homes, porén, a familia nega estes feitos e mesmo contan con senllos partes de lesións realizados por un médico forense nos que presentan mazaduras e negróns. 

O xulgado outorgaba 48 horas até se facer efectiva a orde de despexo mais foron expulsados da vivenda pola Policía antes de se cumprir o prazo

Desde a Oficina de Dereitos Sociais de Coia e a PAH de Vigo denuncian a "violencia" coa que os axentes levaron a cabo o despexo, previsto 48 horas despois de lles ser notificado o auto de desafiuzamento por parte do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo. Isto é, esta sexta feira pola mañá. Porén, a policía efectuouno a primeira hora --por volta das oito-- de onte. "Non nos deu tempo a xestionar un aprazamento" como tiñan previsto no prazo outorgado xudicialmente. 

Após pasar a noite nos cabouzos da comisaría saen en liberdade con cargos e coa obriga de pasar polos xulgados cada 15 días para asinar. "Non estamos acostumados a estes despexos con tanta violencia", sinala Esther Lora. 

Usurpación

A familia foi despexada após a denuncia presentada polo propietario da vivenda acusándoa de "usurpación". Neste senso, malia non contar cun contrato de aluguer están en posesión de "recibos bancarios que acreditan o pagamento en concepto de renda", sinala Lora, polo que "delito de usurpación non hai", en todo caso, acrecenta, "por impago dalgúns meses" o que suporía un procedemento de despexo civil. "É todo rarísimo", asegura. 

Marta e a súa familia tentarán agora acceder ao domicilio para recoller os seus efectos persoais pois saíron da comisaría "co posto", mesmo en pixama.