Unanimidade no sistema universitario fronte ao Real Decreto de Selectividade

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, esta terza feira, nunha das probas da Abau. (Foto: Arxina)
As universidades alertan dos efectos do aumento da duración dos exames

As tres universidades galegas, e todas as dos 17 distritos universitarios, en que se organiza o sistema estatal, presentaron hoxe de maneira unánime o mesmo escrito de alegacións ante os Ministerios de Educación e Formación Profesional e de Universidades fronte ao borrador de Real Decreto de Selectividade.

O novo borrador do proxecto de Real Decreto polo que se regulan as condicións para o acceso e a normativa básica dos procedementos de admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, publicado o 15 de marzo, non só incide nas probas senón que incorpora cambios na normativa de acceso e admisión ás universidades públicas.

Aumento da duración dos exames

Unha das cuestións que, segundo as universidades, suporá "efectos perniciosos" é a duración dos exames, que pasan de 90 a 150 minutos. "Isto obrigará a aumentar os días de duración das probas até os seis días prolongando innecesariamente o estado de tensión do alumnado en detrimento do seu rendemento", aseguraron.

Nesta cuestión, insistiron, a proposta supón a exclusión do acceso á universidade do estudantado que ten dereito a adaptacións de máis tempo, "pois este colectivo se enfrontaría a algo impensábel, como tres ou catro exames diarios de 145 minutos, durante varias xornadas". 

No escrito detállanse até 19 alegacións máis sobre procedementos de reclamación, prazos, composición de tribunais, estudantado estranxeiro, alumnado con estudos universitarios, procesos de admisión ou criterios de adxudicación de prazas, etc."

Todo isto, defenden, evidencia que "a reforma que proposta carece do debido sosego na toma de decisións e da tranquilidade suficiente para regular algo de tanta transcendencia social e repercusión", conclúe nun comunicado.