O Sergas propón contratar por dous anos persoal médico que remate o MIR

Reunión coa Mesa Sectorial, hoxe. (Foto: Europa Press)
A Mesa Sectorial suxeriu unha nova reunión para o 20 de abril

O Sergas presentou onte aos sindicatos unha proposta para contratar por dous anos a médicos e médicas internas residentes (MIR) que finalicen a formación naquelas especialidades que sexan deficitarias e nas que se prevexan próximas xubilacións. Trátase dunha medida que incluirá o novo plan de transición xeracional que onte formulou a Administracións aos sindicatos presentes na Mesa Sectorial -CIG, UXT, CCOO, CSIF e Satse-.

As organizacións saúdan a idea pero advirten de que aínda está "verde" e "cómpre darlle unha volta". A primeira opción ante unha xubilación é botar man das listas de contratación, pero hai varias especialidades que presentan déficit de persoal. Agora, con este novo plan proposto polo Sergas, abriríase outra vía para cubrir o oco: ter contratados durante dous anos -é dicir, estarían a maiores e en paralelo ás prazas estruturais- a persoal médico coa súa formación especializada rematada.

O secretario de CCOO Sanidade, Javier González, sinalou que é preciso saber "canta xente se xubila" nos próximos anos, porque os facultativos teñen a opción de prorrogar a actividade até os 70. 

Tamén cre que "necesita máis reflexión" o secretario de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, quen considera que pode ser "un mecanismo para reter" persoal xa formado cando acaba a súa residencia. "Pensamos que si, que algo hai que facer, porque non facer nada non é unha opción", manifestou, aínda que coincide en que a idea "está verde" e que podería "xerar algún tipo de agravio comparativo con outros profesionais".

Pola súa parte, o secretario de CSIF Sanidade, Carlos Castro, comparte que aínda teñen que "estudar o borrador" pero non ve mal a proposta "se se aplica ben". "Temos que captar xente", sentenciou Castro. 

En representación do Sergas, acudiron ao encontro a xerente, Estrella López-Pardo, e a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, entre outros.

A Mesa Sectorial tamén conveu volver a reunirse o 20 de abril para continuar coas negociacións do plan de ordenación de recursos humanos, seguindo o calendario de intencións asinado o 31 de marzo con todos os sindicatos excepto a CIG. Nesa reunión abordaranse as condicións retributivas do persoal estatutario e do residente en formación, en cuestións como as gardas, a atención continuada e as retribucións. Ademais, tamén se tratarán as condicións das persoas residentes.