A Galiza envía un robot a Santander para buscar o pecio do 'Vilaboa Un'

Robot da Gardia Civil para buscar o pescador desaparecido no naufraxio de Santander. (Foto: Europa Press)
O afundimento do buque deixou dous mariñeiros falecidos e un desparecido.

O operativo de busca do pesqueiro Vilaboa Un incorpora un segundo robot enviado desde a Galiza capaz de actuar baixo condicións difíciles de mar e correntes. Isto sucede despois de que o semisomerxíbel da Garda Civil que traballaba no buque, que afundiu na madrugada desta terza feira na costa de Cabo Maior, na entrada da baía de Santander, no mar Cantábrico, non encontrara o pecio.

Após tocar fondo a 130 metros de profundidade, o robot da Garda Civil  estivo onte realizando numerosas inmersións se éxito na zona de busca do tripulante desaparecido no naufraxio do pesqueiro, no que faleceron dous mariñeiros. Por este motivo, e a requirimento xudicial, vaise reforzar o dispositivo de procura co robot galego Rov Comanche de Salvamento Marítimo

Na tarde de onte preparouse no porto de Ferrol o buque Don Inda, no que se transportará o robot. Así o informou onte a Delegación do Goberno en Cantabria, desde onde indicaron que o proceso de instalación do Rov Comanche "pode levar varios días", sumados ao seu propio traslado a Santander.

Ademais dos traballos de busca, tamén se inspeccionará a zona para analizar unha posíbel contaminación do buque afundido.

O Rov Comanche

Este robot, de 1.200 quilos, está programado para traballar baixo condicións meteorolóxicas que non superen os 25 nós de vento e unha forza do mar de nivel catro na escala de Beaufort.

O Rov Comanche presenta sete propulsares implantados para acadar unha velocidade de tres nós e unha carga útil, é dicir, a capacidade para transportar peso, de 250 quilogramos. Ademais, tamén conta con catro cámaras e un sonar de procura.