A vela galega competirá en Cantabria e Catalunya

Cinco embarcacións viaxarán até Laredo para participar no campionato estatal de Vaurien.
Participantes no Campionato estatal de Optimist en Catalunya (Foto: FGV).
photo_camera Participantes no Campionato estatal de Optimist en Catalunya (Foto: FGV).

Estes días a vela galega terá dous compromisos importantes nos que poderá demostrar o seu estado de forma. O primeiro deles é o Campionato de España da clase Vaurien que decorrerá a partir desta cuarta feira, e até o 9 de abril, na localidade de Laredo (Cantabria).

Catro das tripulacións que participarán estiveron convocadas pola Real Federación Galega de Vela (RFGV), e dirixidas polo técnico Pablo García, os pasados 25 e 26 de marzo. 

Na listaxe final, facilitada polo propio adestrador, figuran Pablo Cabello e Iria Eguía (Absoluta) do RCN Vigo; Igancio Campos e Yolanda Bastos (Absoluta) do CD Alagua; Nicolás González e Martín Pérez (Sub-21 M), do RCN Vigo; Javier Martínez e Mariano Torres (Sub-23 M), do CVF As Pontes; e Ana de Fátima e Marta Reboredo (Sub-21 F), do RCN Vigo.

En opinión de Pablo García, as tripulacións galegas que vaixarán até Cantabria teñen moitas posibilidades de obter bos resultados.

Explica a Nós Diario que, malia entrar agora a formar parte do corpo técnico da federación "e coñecer desde esta pasada fin de semana as tripulacións", agarda moito nesta participación.

"Irei como adestrador a Laredo e esta categoría é das que dá resultados na vela galega". Pon como exemplo "os pasados resultados no mundial realizado en Vigo este verán" que indican que "na Galiza hai moi bo nivel". 

Compromiso en Catalunya

Tamén, desde esta terza feira, a vela galega está presente noutra competición de ámbito estatal, desta vez a cita está a ser no Campionato de España de Optimist que decorre na localidade catalá de L’Escala até o 9 de abril. Esta regata definirá o equipo estatal  definitivo que poderá prticipar no Campionato do Mundo 2023 desta modalidade de vela, que se realizará en augas próximas ao Club Nàutic l’Escala. Concretamente do 15 ao 25 de xuño no Club Ballena Alegre. 

Por parte galega, estarán navegando en Catalunya Aitana Pérez (Monte Real Club), Daniel Iglesias e Bruno Iglesias (Club Náutico Deportivo Ribeira), Luis Wizner e Paco Riveras (Real Club Náutico de Vigo), Jaime Díaz, Javier García, Pablo Gago  e Samuel Cerdeira (Club Náutico Mariña A Coruña), Pedro Vecino e Alejandro Alonso (Real Club Náutico de Vigo), Pablo Núñez, Flavia Rodríguez, Fernando González e Arancha Rivero (Real Club Náutico da Coruña), Carolina Ramírez (Club Náutico Rodeira) e Carlina Comesaña (Club Marítimo de Canido).

Comentarios