Agresión homófoba en Lobios

Os feitos tiveron lugar no Concello de Lobios. (Foto: Nós Diario).
Os feitos tiveron lugar nun supermercado da localidade.

A Audiencia Provincial de Ourense acolle a vindeira quinta feira, día 2 de maio, o xuízo contra un home que se enfronta a nove meses de prisión por insultar a unha persoa pola súa orientación sexual nun supermercado da localidade de Lobios, na comarca da Baixa Limia.

Segundo o escrito de Fiscalía, os feitos remóntanse ao 8 de febreiro de 2022 cando o acusado estaba facendo a compra e "con clara animadversión e desprezo" cara a orientación sexual da vítima, gritoulle  "queres acabar xa, maricona... que peste a merda, podedes largarvos de aquí?".

Despois de que a vítima abandonase o supermercado, o procesado, xa na vía pública, volveuse a dirixir a el e díxolle "como apestades os maricas, que noxo".

Estas expresións causaron "unha grave humillación" que menoscabou a  dignidade da vítima, e por iso o autor está acusado dun delito contra a dignidade persoal.

O Ministerio Público, ademais da pena de prisión, solicita 10 meses de multa, a razón de 10 euros diarios, así como unha indemnización para a vítima de 1.000 euros polos danos morais ocasionados.