A Rioxa

Homofobia e machismo entre os alumnos de Maxisterio da Universidade da Rioxa: "Hai que partirlle as bragas"

A vicerreitora condena os múltiples e reiterados comentarios vexatorios vertidos nun grupo de 'WhatsApp' de novatadas, "que están prohibidas", por parte dos alumnos e contra as súas compañeiras. A Universidade xa abriu un expediente informativo para investigar o sucedido.
O reitor da UR, Juan Carlos Ayala; a vicerreitora de Estudantes e Extensión Universitaria, Marian Martínez; a decana da Facultade de Letras e da Educación, Asun Barreras, e o presidente do Consello de Estudantes, Ramón Sánchez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O reitor da UR, Juan Carlos Ayala; a vicerreitora de Estudantes e Extensión Universitaria, Marian Martínez; a decana da Facultade de Letras e da Educación, Asun Barreras, e o presidente do Consello de Estudantes, Ramón Sánchez. (Foto: Europa Press)

Apenas uns días despois de comezar as clases na Universidade da Rioxa (UR) saltaron á luz diferentes mensaxes machistas e sexistas nun chat de WhatsApp de 'novatadas' entre o alumnado do grao de Educación Primaria de Maxisterio. Segundo a información desvelada pola Cadena SER, ese chat, chamado 'Novatadas magis primaria', conta con case 200 participantes que nas últimas horas fixeron reiterados comentarios machistas e vexatorios sobre as súas compañeiras.

Un chat que, previsibelmente, funciona para organizar as novatadas do curso 2023-24 e que está a servir para que alumnos homes compartan imaxes das súas compañeiras, obtidas das redes sociais sen consentimento expreso, para valorar o seu físico. "Pero que nenas están entrando?", pregunta un, ao que outros usuarios dan respostas como: "Espero que buenorras", "esa é un puto [sic] quesito de cabra do copón" ou "está como un queixo Babybel".

Comentarios que seguen aumentando a medida que os estudantes de Maxisterio envían novas imaxes. Algún alumno atrévese mesmo a suxerir que vai contactar con elas, intención que é celebrada con ánimos machistas: "Ten pinta de facilona"; "hai que partirlle as bragas"; "cando quede con [...] non vai levar bragas, que ultimamente son todas moi putas [sic]".

Os comentarios van subindo de intensidade e, en certo punto, a conversa avanza a unha rivalidade por quen vai manter un hipotético encontro sexual coa alumna. Ninguén no grupo rexeita as mensaxes, máis aló dunha alumna que comenta "dades noxo", ao que un dos autores dos comentarios responde rapidamente: "Xa estamos". O resto dos comentarios limítanse a facer brincadeiras. No grupo de WhatsApp tamén está presente a homofobia: "Dille que non aceptan mariquitas [sic] en Maxisterio".

Expediente aberto

Esta mesma sexta feira, após transcenderen as vexacións, a Universidade da Rioxa reaccionou para mostrar o seu rexeitamento e condena ante o chat dos seus alumnos. "Estamos indignados. Desde a Universidade da Rioxa condenamos absolutamente o contido dese chat, que non coñeciamos", afirma a vicerreitora de estudantes da Universidade, Marian Martínez.

A primeira reacción da UR é de "rexeitamento, indignación, absoluta condena". "Parécennos repugnantes esas expresións que escoitamos", reiterou, aludindo a expresións que cualifica como "denigrantes, maleducadas e que, nalgúns casos, creo que se poden tachar de violentas". Desde a Universidade cren que o contido deste chat con frases machistas e sexistas é "impropio de xente moza e dos valores que pretendemos inculcar como sociedade", e fan fincapé en que "o máis preocupante é que parece que se están a normalizar este tipo de expresións".

A vicerreitora precisou que "esta mesma mañá o equipo reitoral irá ás aulas de Maxisterio para ensinarlles a noticia aos alumnos e animar a denunciar este tipo de situacións para poder actuar". Se se denuncia por parte dalgún alumno a alumna deste chat "isto dará lugar a unha apertura dun expediente inmediato e en función das conclusións, activaríase un réxime disciplinario, que a Universidade aprobou en febreiro, e desde logo, se as faltas considéranse moi graves aplicaría unha expulsión que vai desde dous meses até tres anos, e quedaría reflectido no expediente". Un chat con 200 alumnos creado para organizar as novatadas, que "están prohibidas", remarca a vicerreitora.

E pouco tempo despois confirmábase, nunha rolda de prensa, a apertura dun expediente informativo —que estudará unha Comisión— polas mensaxes sexistas e machistas no grupo de WhatsApp, segundo notificou o reitor, Juan Carlos Ayala, á vez que condenou de maneira rotunda estes feitos "repugnantes" que "son impropias dos universitarios".

O máximo responsábel do centro universitario realizou estas declaracións aos medios de comunicación acompañado da vicerreitora de Estudantes e Extensión Universitaria, Marian Martínez; a decana da Facultade de Letras e da Educación, Asun Barreras, e o presidente do Consello de Estudantes, Ramón Sánchez, tras unha reunión que mantivo con estudantes de Maxisterio da UR esta mañá na que os convidou a "denunciar" este tipo de comportamentos.

Comentarios