A AG-57 estará cortada de Gondomar a Baiona polo menos unha semana
Parte do noiro desprendeuse sobre a calzada esta terza feira.
A Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas informou de que manterá cortado o carril da AG-57 polo menos unha semana tras o desprendemento dun noiro da marxe da autoestrada ao seu paso por Gondomar (comarca de Vigo) e en dirección a Baiona.
Tal e como indicou a Consellaría, o persoal técnico detectou que o problema atópase na parte alta do noiro. Debido á súa altura, será necesario actuar desde abaixo "aos poucos", co obxectivo de reforzar o muro, "polo que o corte do carril estímase que se manterá polo menos unha semana".
A Xunta da Galiza subliñou que seguirá informando da situación e pediu á veciñanza que desculpe os inconvenientes que poida supor, "pero o máis importante é garantir a seguridade na circulación", sentenciou.
Todo iso despois de que un desprendemento no noiro da marxe da calzada obrigara esta terza feira a cortar ao tráfico un tramo de algo máis de dous quilómetros da AG-57, ao seu paso por Gondomar.
