O temporal esnaquiza por completo a cuberta da piscina municipal de Abegondo
MeteoGaliza rexistrou esta cuarta feira refachos de vento de máis de 170 km/h.
A forza do vento orixinado pola borrasca Nils levantou a cuberta de plástico da piscina municipal de Abegondo (comarca da Coruña), situada no exterior e tapada unicamente pola estrutura, ficando completamente exposta.
"A estrutura quedou totalmente esnaquizada", lamenta un comunicado municipal, que recolle que parte da cuberta caeu no camiño da parte de atrás, sen causar danos persoais.
Ante esta desfeita, operarios municipais traballan na retirada de todos os restos. Ao mesmo tempo, o Concello rogou "extremar as precaucións" ante a alerta laranxa por vento que afecta o noroeste do país.
En concreto, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) advertiu de refachos máximos de até 100 quilómetros por hora (km/h) procedentes de ventos do suroeste. Ademais, detallou que o aviso se cumpriría con maior probabilidade no norte da zona marcada.
De feito, MeteoGaliza xa rexistrou nesta cuarta feira refachos superiores a 150 km/h. Concretamente de 171,1 km/h no Xistral, en Muras (A Terra Chá) e 156,4 km/h en Cabeza Grande, en Maceda de Trives.
Voos desviados e cancelados
Aliás, o temporal obrigou a cancelar e a desviar varios voos tanto no aeroporto de Peinador, en Vigo, como no de Alvedro, na Coruña.
Segundo informaron fontes de Aena, en Peinador, o voo procedente de Barcelona desviouse ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, polo que se cancelou o voo asociado de saída.
Ademais, un avión procedente de Madrid regresou a orixe ao non poder aterrar en Vigo. Por iso, tamén se cancelou o de saída a Madrid.
Pola súa banda, no aeroporto da Coruña, o voo procedente de Madrid regresou a orixe por mala meteoroloxía en destino; mentres que outro voo procedente de Gatwick, Londres, desviouse ao Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.

