Os aeroportos galegos abeiran os seis millóns de persoas viaxeiras en 2023

Carro con equipaxe no aeropuerto Internacional de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro. (Foto: José R. Pizarro).
Por primeira vez, e de forma conxunta, superaron os datos de persoas usuarias rexistrados antes da pandemia da Covid.

Os tres aeroportos galegos recibiron en 2023 case 770.000 pasaxeiros máis que o ano anterior e rozaron os seis millóns de viaxeiros, o que supón un incremento do 14,9% con respecto a 2022. Ademais, superaron de forma conxunta, por primeira vez desde a crise da Covid, os datos de usuarios prepandemia, con 656.491 máis que ao peche de 2019, o mellor ano até a data.

Así o reflicte o balance anual de tráfico aéreo feito público esta segunda feira por Aena, segundo o cal, ao longo de 2023 pasaron polos tres aeródromos galegos 5.925.624 pasaxeiros, un 14,9% máis que os 5.155.653 que o fixeron ao longo de 2022 e un 12,5% máis que os 5.269.133 de 2019. Así, tanto 2020, como 2021 e 2022 mantivéronse en cifras por baixo dos datos prepandemia de forma conxunta, até este 2023.

En canto ás operacións, foron 56.174 durante todo o ano, 2.591 voos máis que ao longo de 2022, o que supón un incremento do 4,8% no tráfico aéreo dos tres aeroportos galegos.

Do total de pasaxeiros, a maior parte fixeron uso do aeroporto de Santiago, que fechou o ano coa cifra récord de 3.537.445 usuarios, mentres que A Coruña finalizou 2023 con 1.252.022 viaxeiros e Vigo con 1.136.157 usuarios.

Lavacolla

Segundo os datos de Aena, o aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro fechou 2023 cun récord de pasaxeiros, alcanzando os 3.537.445 usuarios, un 9,2% máis que en 2022 e un 21,8% máis que os últimos datos prepandemia, os de 2019.

Deste total, a inmensa maioría, 3.524.527 usuarios, empregaron voos comerciais para os seus desprazamentos, 2.681.768 voos estatais e 842.759 voos internacionais. Estas cifras supoñen que os pasaxeiros de voos estatais creceron un 8,7% e os internacionais un 10,9%.

En canto ás operacións, en 2023, o aeroporto compostelán rexistrou 25.903 voos, un 1,7% máis que o ano anterior, e a terminal de carga moveu 4.818 toneladas.

Alvedro

O seguinte aeródromo galego en cifra de pasaxeiros foi o da Coruña, con 1.252.022 usuarios en 2023, un 29,9% máis que o ano anterior pero un 7,4% por baixo das cifras prepandemia. Destes usuarios, 1.143.132 realizaron traxectos comerciais estatais (un 26,1% máis), e 108.080 traxectos comerciais internacionais (un 91,3% máis).

En canto ao número de voos, Alvedro operou 15.405, un 7,2% máis que en 2022, e moveu 77 toneladas de carga.

Peinador

Finalmente, o aeroporto de Vigo fechou o ano con 1.136.157 viaxeiros, un 19,2% máis que en 2022 e un 12,2% máis que en 2019. Os pasaxeiros de voos comerciais estatais, 1.097.019, creceron un 15%, e os de voos internacionais comerciais disparáronse grazas aos 37.390 que usaron a nova ruta regular a Londres.

En relación ás operacións, creceron un 8% con respecto ao ano anterior, até os 14.866 voos, e a terminal de carga moveu 807 toneladas de mercadorías.