O aeroporto de Vigo, de novo operativo após reparar unha fochanca na pista

Imaxe de arquivo do aeroporto de Peinador, en Vigo (Foto: Europa Press).
Malia que a reapertura da pista estaba prevista para a segunda feira, o problema resolveuse na tarde deste domingo, polo que non se seguirán a desviar voos a Compostela.

O aeroporto de Peinador, en Vigo, xa está de novo operativo após reparar Aena a fochanca situada na pista, segundo confirmou o ente público nas súas redes sociais.

Aínda que a previsión manexada tanto por Aena como pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra apuntaba a que o aeroporto reabriría nesta segunda feira, finalmente fíxoo na tarde do domingo.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, desprazouse na sexta feira ao aeroporto para coñecer o estado das actuacións xa iniciadas para a reparación da pista. A fochanca, explicou a Delegación, medía aproximadamente sete metros de lonxitude e dous de amplitude, e estaba situado a 200 metros do limiar da cabeceira 19 da pista.

Segundo explicou a representante do Executivo estatal na Galiza, a fochanca foi detectada na quinta feira nunha revisión rutineira levada a cabo por operarios do aeroporto. "Nun primeiro intre era de pequenas dimensións e non comprometía a seguridade das operacións".

Mais na mañá do día seguinte, após unha nova revisión, detectouse un aumento "considerábel" das dimensións do buraco e a pista foi inmediatamente fechada.

Voos desviados a Compostela

Durante esta fin de semana, e ante a imposibilidade de aterrar en Vigo, algunhas compañías optaron por desviar os seus voos ao aeroporto Rosalía de Castro de Compostela, onde se rexistrou un maior tráfico. Algunhas delas foron Binter Canarias —concretamente un procedente de Tenerife norte—, Iberia —desde Madrid— ou Ryanair —un voo procedente de Barcelona—.

Moitas foron as persoas pasaxeiras que mostraron en redes sociais o seu descontento pola confusión e falta de información tanto por parte de Aena como das propias aerolíneas.

Por outra parte, na mañá deste domingo tamén se desviou cara ao aeroporto da capital galega o voo VY1290 da compañía Vueling, que partira ás 7 horas de Barcelona con destino A Coruña. A decisión, segundo informou a aerolínea, debeuse a un "problema técnico" na aeronave.