O sindicato denuncia que o protocolo da Xunta para adaptar o inicio de curso á situación epidemiolóxica é "inasumíbel" porque aumenta as tarefas de limpeza sen reforzar o cadro de persoal.
"Co traslado dunha persoa de tarde para tarefas Covid-19 para a mañá provócase que, na práctica, non se dea feito unha limpeza ordinaria pola tarde e moito menos unha limpeza Covid", afirma a responsábel nacional de Administración, Zeltia Burgos.
Como fai notar, o operativo específico polo virus inclúe "varrido e fregado de todas as superficies, como se se tratase dunha limpeza xeral, pero nun só día" en todos os recintos e espazos do centro.
"Realmente poden dúas persoas limpar todas as superficies de contacto cada día e, algunhas delas, varias veces ao día?", pregúntase.
A organización asegura, ademais, que este persoal non recibiu formación ningunha en materia de prevención, nin sabe de que EPI vai dispor –sobre todo para limpar zonas de alta concentración de virus, como poden ser os lavabos– ou se contará con servizo de lavandaría para desinfectar a súa roupa de traballo, o que a ollos da CIG supón "unha nova desfeita" da Xunta que deixa en grave risco este colectivo profesional.