Adrián Casanova é biólogo

Adrián Casanova: "A falta de financiamento acaba por afectar o tamaño e calidade das investigacións"

Adrián Casanova, no centro, cos directores da súa tese, Paulino Martínez (esquerda) e Manel Vera (dereita). (Foto: USC) #usc #bioloxía #investigación
O biólogo monfortino Adrián Casanova Chiclana vén de desenvolver unha tese de doutoramento en Veterinaria do Campus de Lugo da USC na que se emprega por primeira vez unha aproximación xenómica en poboacións de troita común para “avaliar o grao de diversidade xenética, a estrutura poboacional ou os patróns de hibridación natural e introgresión derivada de soltas de piscifactorías” destes salmónidos. Estivo dirixido polos profesores da área de Xenética da USC Manel Vera e Paulino Martínez.

Cal é o enfoque da súa investigación?

A investigación móvese no apartado xenético da troita común, unha das especies fundamentais nos sistemas fluviais, moi presente no norte da Península Ibérica. Trátase dun estudo de diversidade xenética -aspecto fundamental para a adaptación e a evolución-, e de estrutura xenómica, moi importante para a elaboración de políticas de repoboación. Coa nova Lei de pesca aprobada pola Xunta da Galiza, o estudo da estrutura xenómica volveuse crucial para fomentar procesos de repoboación dunha especie a partir de exemplares o máis semellantes posíbeis. Isto supón un cambio con respecto ao que se facía anos atrás, cando se soltaban individuos fértiles que non tiñan que ver os uns cos outros.

Tendo en conta iso, que obxectivos busca?

O primeiro que conseguiu esta tese foi ter un enfoque xenómico. En xenética e xenómica trabállase con marcadores moleculares de diferentes tipos. Antes traballábase con entre cinco ou dez marcadores nada máis. Eu traballo con decenas de miles. Isto permite ter unha densidade xenómica. Ter marcadores moleculares ao longo dos cromosomas, abranguendo todas as rexións. Con isto pódese dar resposta a diversas preguntas, tanto antigas como novas que naceron a partir da investigación. As achegas divídense entre a procura de información e o desenvolvemento de consellos, tanto para o procesamento de datos como para a toma de decisións políticas no que á xenómica se refire. Algo que tamén menciono na tese é que non se pode traballar por partes, senón que ten que haber un enfoque holístico da xestión dunha especie, neste caso a troita.

Que conclusións arroxou a súa tese de doutoramento?

A investigación abrangueu diferentes conclusións. Por un lado, a obtención de diferentes formas de procesamento de datos e no tratamento informático dos mesmos. Por outro lado, o estado da estrutura entre poboacións. Isto implicaría o estabelecemento de diferentes unidades de xestión, xa que non se pode tratar diferentes poboacións que pertencen a un mesmo río como se fosen un todo homoxéneo. Tamén estudei o impacto da piscifactoría, que se notou máis na vertente mediterránea que aquí na Galiza, por exemplo. O impacto da troita de piscifactoría no noso país, como xa se estudou con outros marcadores, foi moito menor que noutras zonas do Estado español. Ademais, a maior diversidade xenética atopouse na Galiza.

Cales son os seguintes pasos?

Agora débese comezar a deseñar un plan de actuacións, que como se sinala na tese de doutoramento, ten que ser multidisciplinar. Eu fago unhas achegas desde a xenómica de poboación, pero non pode ser ese exclusivamente o único enfoque para a elaboración dun plan de xestión, senón que hai que ter en conta variábeis ecolóxicas e socioeconómicas. Na Galiza, a troita ten un papel moi importante, e mesmo cultural. En concellos como Ponte Caldelas o impacto da troita é moi significativo.

As investigadoras están o suficientemente apoiadas?  

Eu tiven sorte, puiden ter unha estabilidade laboral de tres anos, mais penso que non. Coñezo investigadoras de ámbitos máis populares, como a detección e tratamento de enfermidades, que viven nunha situación de indeterminación continua. Cobran cincocentos euros un mes, ao seguinte mil douscentos; despois encadean dous meses de paro... Mellorouse cos anos, pero aínda existen moitas limitacións. Ademais, a falta de financiamento afecta o tamaño e calidade das propias investigacións, que non chegan a ser tan concluíntes como poderían ser.