Memoria LGTBI

Adrián Gallero: "O obxectivo é construír colectivamente a memoria LGTBI máis aló das fontes oficiais"

Adrián Gallero Moreiras, membro do Colectivo Agrocuir da Ulloa. (Foto: Cedida)
A Rede Museística de Lugo e o Colectivo Agrocuir da Ulloa colaboran na posta en marcha dun proxecto de recuperación da memoria das persoas LGTBI que verá a luz o 28 de xuño. Adrián Gallero coordina desde A Ulloa a creación dun mapa sonoro da memoria queer apegada a territorio.

-Que é 'Facémonos escoitar?' 

É unha invitación a pensar, a falar a e a escoitar. A prestar atención ao que se di. Nisto consiste o proxecto que temos en marcha  en colaboración coa Rede Museística de Lugo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Cooperativa Indaga. Lanzamos esta pregunta a toda a poboación das comarcas de Lugo, mesmo da xente que xa non reside aquí pero que pasou a súa infancia ou habitou algún lugar da provincia nalgún momento, co obxectivo de construír colectivamente a memoria LGTBI máis aló das fontes oficiais. Esa historia xa está recollida. Agora o que queremos é crear un relato propio, falado, en primeira persoa e próximo ao territorio. 

-Como xurdiu a idea de crear un mapa sonoro da memoria LGTBI? 

A Rede Museística de Lugo fai 15 anos e como lema do seu aniversario escolleu traballar a memoria. Ademais de recuperar a súa propia, desde a xerencia propuxéronnos esta colaboración como proxecto paralelo de reparación da memoria coa temática LGTBI, que a Rede Museística traballa desde hai tempo.

-Xa lles fixeron chegar os primeiros relatos? 

Estamos no proceso de enviarlles a todas as persoas interesadas a información de como facer a recollida, pero si, xa recibimos algunha proposta. Non buscamos grandes acontecementos nin historias espectaculares. Todo o contrario. Buscamos pequenas anécdotas, vivencias ou momentos de todas aquelas persoas ou colectivos que queiran achegar a súa experiencia e de construír esta historia colectiva. 

De entre o que nos chegou, hai moitas referencias á infancia, un par de historias que falan de lugares que nas últimas décadas foron espazos para diversidade e contamos coa participación dunha persoas que está estudando a historia LGTBI da Galiza durante a primeira metade do século XX que vai aportar acontecementos que tiveron lugar na provincia: en Narla, en Mondoñedo, en Lugo, con espectáculos de transformismo documentados nos inicios do século pasado. Hai moitas variedade e resulta moi interesante.

-Que valor cre que ten unha experiencia colectiva coma esta, apegada tamén ao rural?

Temos que esperar para ver cal é o resultado final. Hia moita xente que nos pregunta se só estamos buscando historias bonitas, de celebración. E non. É posíbel que recompilemos unha serie de testemuños sobre avances ou experiencias positivas, pero seguro que van chegar outras moitas de vivencias que non, historias relacionadas coa emigración, por motivos de disidencia sexual, ou con situacións incómodas por acoso ou bullying. Pero o máis importante é o feito de dar para construír esta historia desde o territorio e celebrar as testemuñas e os acontecementos que se narren, ben representen avances nesta loita de dereitos LGTBI ben  que nos lembren todo aquilo que queda por avanzar.

-Xa saben que forma lle van dar á memoria sonora do movemento LGTBI de Lugo?  

Darémola a coñecer a través de tres actividades principais. O arquivo sonoro démolo a coñecer a través dun mapa interactivo accesíbel vía web, que se vai publicar o 28 de xuño. Ademais, faremos unha selección de testemuños que levaremos a unha exposición itinerante que vai percorrer os catro territorios onde hai museos da Rede -Friol, A Mariña, Ribeira Sacra e Lugo- máis a Ulloa, por esta colaboración co Colectivo Agrocuir.

A maiores, o mesmo 28 de xuño, día do Orgullo, faremos un roteiro pola cidade de Lugo acompañadas por diferentes persoas e colectivos que participaron no proxecto. Con elas, iremos percorrendo e coñecendo distintos lugares que se consideren significativos para a historia LGTB da cidade.