A Administración española desestima os recursos contra a oficialidade do topónimo 'ría do Eo'

Ría de Ribadeo (Foto: Nós Diario).
A Subdirección Xeral de Recursos do Estado español desestimou os recursos presentados pola Deputación de Lugo, a Xunta da Galiza, o Concello de Ribadeo, a Plataforma pola Defensa da ría de Ribadeo e a Plataforma de Mariños de Ribadeo.

A Administración do Estado español, segundo unha resolución á que tivo acceso Nós Diario, vén de desestimar os recursos presentados por diversas institucións e asociación da Galiza en contra da nova denominación aprobada polo Instituto Xeográfico Nacional (IXN) para a ría de Ribadeo, que adoptaría o nome de ría do Eo como forma cooficial.

A Subdirección Xeral de Recursos do Estado español, resolveu "desestimar os recursos interpostos por presentados polo Presidente da Deputación de Lugo, Jose Tomé, e o deputado delegado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; polo alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez; por Román Rodríguez, en representación da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta da Galiza; por Evaristo Lombardero, en representación da Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, e por Francisco José Campos, en representación da Plataforma de Mariños de Ribadeo, contra a resolución con data 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral do IXN pola que se estabelecen as denominacións oficiais da Ría na que desemboca o Río Eo".

O pasado mes de maior de 2022 quedaba suspensa a cooficialidade suspendida, despois da estimación dun recurso interposto pola Deputación de Lugo avaladas por unha resolución da Subsecretaría de Transportes do Estado español.

Así, a citada Subsecretaría anulaba a resolución do IXN que fixaba a cooficialidade e, ao mesmo tempo, ordenaba "retrotraer as actuacións ao momento previo á solicitude dun informe" á comisión especializada de nomes xeográficos, que terá que emitir un ditame con "motivación suficiente".

Argumentos Cruzados

O Goberno de Asturies alegou que 'ría del Eo' aparece recollido en documentos de 1871, motivo que deu pé inicialmente ao visto e prace dese topónimo por parte do IXN para se referir á ría de Ribadeo.

Porén, un informe do Consello da Cultura Galega (CCG) sostén: "Ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos". Aliás, subliña que en mapas e cartas náuticas de distintos séculos e de diferente autoría apostan no topónimo ría de Ribadeo.

Recurso da Xunta e desestimación do Estado

Posteriormente, segundo transcendeu a principios de novembro, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aceptou a denominación de ría do Eo, avalando unha decisión do IXN tras unha nova petición do Goberno de Asturies, unha decisión que foi recorrida a principio de ano pola Xunta, acompañando a outras institucións e asociacións galegas anteriormente citadas.

Porén, finalmente, a decisión da Administración española foi desestimar ditos recursos, polo que, segundo o punto do vista do Estado español, a ría de Ribadeo poderá ser denominada oficialmente como ría de Ribadeo, a pesar de que as institucións galegas consideran que isto "incorrecto xeográfica e semanticamente".

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, cabe recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á súa notificación.