Adif nega que o treito do AVE entre Taboadela e Ourense sexa inseguro

Os quince quilómetros que unen Taboadela con Ourense obrigan a proceder de forma "distinta á marcada na regulamentación" (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
O sindicato de maquinistas de Renfe vén de denunciar a "inseguridade" que xera o treito de quince quilómetros que une Taboadela e Ourense cos novos convois de alta velocidade, xa que, advirten, deberán desactivar o sistema de seguridade ERTSM, cuxa ausencia propiciou o accidente de Angrois de 2013. Porén, Adif quita ferro ao asunto e evita facer declaracións a este xornal.

O treito da liña de alta velocidade que discorre entre Taboadela e Ourense, cunha lonxitude duns quince quilómetros, foi obxecto de críticas estes días por parte do Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (Semaf), que remitiu un escrito de denuncia á Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF) para advertir que o modo de proceder marcado por Adif neste tramo "contravén todos os preceptos que marca Europa".

Así, as e os profesionais denuncian que ao paso do AVE por Taboadela pola vía convencional, circulando co Sistema europeo de xestión do tráfico ferroviario (ERTMS, en inglés) activado en nivel 2 —cunha velocidade máxima permitida de 350 quilómetros por hora (km/h)—, no caso de atoparse en parada, non poderán proseguir a marcha até que o posto de mando autorice o rebase do sinal que limita a velocidade a 40 km/h, apague o ERTSM e active o ASFA.

A ollos do persoal, isto significa que "Adif non se fía do maquinista" e as indicacións sobre o sistema de seguridade poderían dar lugar a "erros humanos".

As "présas" por inaugurar novos treitos do AVE ás que alude o Semaf no seu comunicado non son unha novidade. En decembro de 2015, en plena campaña das eleccións xerais, o Executivo de Mariano Raxoi inaugurou a liña entre Olmedo e Zamora —tramo previo á entrada na Galiza—, sen ter instalado aínda o ERTSM.

Tamén o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo foi estreado na primavera daquel ano aínda co sistema de seguridade de Anuncio de sinais e freado automático (ASFA), o que estaba en funcionamento o 24 de xullo de 2013 cando o barrio compostelán de Angrois foi testemuña do terríbel sinistro que deixou 80 vítimas mortais e máis de 140 persoas feridas. O ERTMS desconectárase, segundo concluíu posteriormente persoal do daquela Ministerio de Fomento, para "evitar atrasos".

A nova variante de Ourense, para 2024

Adif licitou o pasado mes de xullo as obras da variante exterior de Ourense do AVE, que inclúen a construción do treito Taboadela-Túnel de Rante (San Cibrao das Viñas) e o que unirá este último punto con Seixalbo (Ourense), Montealegre e finalmente a estación da cidade das Burgas, por un importe de 127 millóns de euros. Porén, o prazo de execución é de tres anos, polo que, cando menos até ben entrado o ano 2024, os convois de alta velocidade seguirán a circular polo vello trazado.

De feito, ante a ameaza a finais do pasado ano de que o Ministerio de Transportes se "conformase" coa adaptación das vías actuais para o AVE e rexeitase a construción da nova variante ourensá, as persoas expertas en seguridade ferroviaria de Adif exerceron presión para que o proxecto non ficase esquecido nun caixón, ao entender que o antigo treito que une Taboadela e Ourense podería xerar un efecto "colo de botella" por mor das dificultades do trazado e as limitacións de velocidade, xa que conta con decenas de curvas con radios superiores aos 400 metros.

Adif di que é "unha opinión" e evita valoralo

Fontes de Adif consultadas nesta cuarta feira por Nós Diario evitaron pronunciarse a respecto das advertencias do Semaf: "Entendemos que é unha opinión dun grupo de maquinistas, que traballan para Renfe e non para Adif, e non faremos unha valoración. Mais Adif segue toda a normativa e os protocolos de seguridade estabelecidos", sinalaron.

Cómpre salientar, e a iso aduce o ente público, que o treito entre Pedralba da Pradaría (Zamora) e Ourense, incluído o seu paso por Taboadela até a cidade das Burgas, foi sometido a numerosas probas ao longo do presente ano.

Por outra banda, este xornal intentou, sen éxito, que o Ministerio de Transportes emitise unha valoración desta cuestión.