Xuízo do Alvia

"Non nos sentimos responsábeis". Adif descarta desculparse coas vítimas do Alvia

O ex director de Seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte (á dereita), durante unha xornada do xuízo do accidente ferroviario do Alvia, en Santiago de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O avogado do Estado Javier Suárez García, que representa o administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) no xuízo polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, sinalou que é "difícil pedir perdón por algo do que un non se sente responsábel".

O avogado do Estado Javier Suárez García, que representa o administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) no xuízo polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, sinalou que é "difícil pedir perdón por algo do que un non se sente responsábel", en relación á traxedia que causou 80 mortes e 145 feridos e pola que están procesados o ex director de seguridade da empresa pública e o maquinista de Renfe.

En calquera caso, entoou un mea culpa ao considerar, persoalmente, que si hai "algo" no que Adif "podería facelo mellor", pola atención ás vítimas do sinistro ferroviario nos días e semanas posteriores aos feitos.

Na exposición do seu informe final ante a xuíza, nunha das últimas sesións da vista oral -que conclúe a semana que vén-, o avogado do Estado advertiu de que non poderá esquecer os testemuños que durante numerosas xornadas expuxeron as vítimas e os seus familiares ante a xuíza, na fase de responsabilidade civil.

"Algo que Adif podería facer mellor" é pórse en contacto con eles. Así, Suárez García asegurou que lamenta "profundamente que a Administración ás veces se mostre distante e carente de empatía".

Neste sentido, aludiu á pregunta que se fixo ás testemuñas sobre se alguén de Adif se puxera en contacto con eles despois do 24 de xullo de 2013, e recoñeceu que "todos dixeron que non" e "que se sentiron esquecidos".

Como funcionario con máis de 30 anos de carreira, lamentou isto "profundamente" e defendeu que as persoas que forman parte de Adif "non son así" e "lamentan que unha organización cuxo principal valor é o servizo público non mostrase a sensibilidade que requirían as circunstancias".

Resolución absolutoria

En calquera caso, expuxo o seu longo informe, durante algo máis de dúas horas e media, co que reclamou un fallo absolutorio para o acusado de Adif, Andrés Cortabitarte, xa que entende que "non hai proba de cargo" e "hai que xulgar as persoas polas súas condutas e non polo resultado das súas condutas".

"Se temos dúbidas, hai que absolver", resaltou, aliñado co que dixo no seu día o fiscal para retirar a súa acusación contra o ex responsábel de seguridade da empresa pública.

Neste sentido, subliñou que, ao seu modo de ver, "Adif non causou o accidente", e argumentou que por pensar iso non son "nin insensíebis, nin mentireiros, nin cínicos", nin queren "enganar" a xuíza.

"Gustaríanos que iso se entendese. Quereriamos que o entendesen as vítimas e a súa contorna. É difícil pedir perdón por algo do que un non se sente responsábel. Pero como dicía Borges, o perdón é un acto alleo", advertiu.

"Nada é comparábel coa dor das vítimas e a súa contorna, pero asegúrolles foi un antes e un despois no sector e a industria e as persoas do sector senten toda a solidariedade que se pode sentir cara ás vítimas", engadiu. "Todos quererían poder realizar calquera cousa" que evitase o sucedido, apostilou.