Adeus á presa Ponte do Inferno: a Xunta ordena a súa demolición após extinguirse a concesión

Presa Ponte do Inferno. (Foto: Europa Press)
A empresa concesionaria ten un prazo máximo de 18 meses para derrubar todos os elementos do aproveitamento hidroeléctrico.

A presa Ponte do Inferno, situada no río Verdugo, entre os concellos de Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra, será demolida despois de que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade dese a coñecer a resolución de caducidade da concesión do aproveitamento hidroeléctrico.

Desta maneira, a Xunta, a través de Augas da Galiza, notificou a todas as partes interesadas a citada resolución, que estabelece o deber da demolición dos elementos de aproveitamento existentes no río Verdugo.

Isto quere dicir que a empresa titular da concesión deberá derribar todos os elementos implantados no espazo de dominio público hidráulico do río que integran a presa da Ponte do Inferno. Ademais, tamén deberá demoler aqueles elementos que, para o correcto funcionamento do aproveitamento, tivesen que ser instalados fóra dese espazo.

A maiores, a empresa concesionaria deberá anular o desvío de auga cara ao canal de derivación, nun prazo máximo dun mes desde o momento que esta reciba a notificación da extinción da concesión de aproveitamento.

Informe de impacto ambiental

Augas da Galiza estabelece un prazo máximo de seis meses desde a data de notificación para que a empresa concesionaria lle entregue un informe técnico de impacto ambiental das obras necesarias para a demolición das instalacións da presa.

Este documento deberá detallar todas as actuacións precisas para levar a cabo as tarefas de demolición, así como as propostas de adecuación coas restantes infraestruturas e elementos que integran o aproveitamento hidroeléctrico.

A Xunta avaliará o posíbel impacto ambiental destas obras de demolición a partir do documento que lle entregue a empresa concesionaria, no que deberán estar recollidas as medidas a levar a cabo para que as obras non supoñan prexuízo algún para a contorna ambiental dos tres concellos afectados pola Ponte do Inferno.

Coa resolución comunicada hoxe, comeza un prazo de 18 meses para que a concesionaria leve a cabo as obras de demolición do aproveitamento e poña fin á estadía da presa no río Verdugo. Algo que asociacións como Pladever e A rente do Chan celebran, após anos exixindo a súa extinción.