Adeus á máscara en exteriores: en que casos segue a ser obrigatoria?

Unha muller e un home camiñan portando máscara polas rúas da cidade de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Esta quinta feira entrou en vigor o decreto do Goberno estatal que suprime o seu uso obrigatorio en determinadas circunstancias. ENQUISA | Estás de acordo coa supresión da máscara en exteriores?

Na madrugada desta quinta feira deixou de ser obrigatorio portar a máscara en calquera situación ao ar libre. A medida, aprobada esta semana polo Consello de Ministras, entra en vigor após se publicar no Boletín Oficial do Estado (BOE) na cuarta feira. Porén, esta nova norma non exime do seu uso por completo, xa que segue a haber determinadas circunstancias que obrigan a levala.

Así, a máscara mantense nos eventos multitudinarios que decorren en espazos ao ar libre cando as persoas asistentes estean de pé, ou, no caso de estaren sentadas, cando non se poida manter unha distancia de seguridade de, cando menos, 1,5 metros entre persoas ou grupos de conviventes.

Tamén segue a ser obrigatorio o seu uso nos medios de transporte público, incluíndo os andéns e estacións de autobús ou tren, así como en calquera espazo fechado de uso público ou que estea aberto ao público.

O decreto lembra que a relaxación das medidas debe valorarse a nivel individual, de acordo coa pertenza a grupos de maior vulnerabilidade, a vacinación e a actividade e comportamento social que poida incrementar os riscos de transmisión.

Se ben o uso da máscara foi unha medida chave de control da Covid-19, o citado decreto recolle que a evidencia dispoñíbel sobre a transmisión do virus nos diferentes ámbitos indica que o seu uso ten un "impacto maior" en espazos interiores nos que, aliás, se reúnen persoas que non conviven habitualmente, así como en grandes aglomeracións nas que non se pode manter o distanciamento social e se interactúa con múltiples persoas.

Por outra parte, apunta que as variantes actualmente en circulación do virus SARS-CoV-2 "parecen producir un cadro clínico menos grave segundo os estudos dispoñíbeis", o que contribúe a "modificar a valoración da situación epidemiolóxica a pesar das altas incidencias observadas nos meses de decembro e xaneiro".

A máscara fica, polo de agora, nos patios das escolas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou esta cuarta feira que "preferiría" que as crianzas manteñan a máscara posta durante os recreos mentres non conten con dúas doses da vacina contra a Covid-19.

Feixoo tamén apuntou que xa trasladou ao comité clínico se esta medida contradí o protocolo educativo deseñado polo Executivo español, xa que, segundo o presidente do Goberno galego, existe unha "contradición" entre estas dúas nomativas e non se "clarifica" se é obrigatorio o seu uso nos recreos.