A conselleira de Medio Ambiente abandona unha xuntanza con ecoloxistas na que se debatía a paralización dos proxectos eólicos

Ánxeles Vázquez preside de facto o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (Foto: Nós Diario).
Ánxeles Vázquez abandonou antes de tempo a xuntanza do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel para eludir unha votación propiciada por SLG, Adega, FEG e SGHN sobre o modelo de desenvolvemento eólico.

Na tarde desta cuarta feira decorreu unha nova sesión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (COGAMADS), do que fan parte colectivos como o Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, preside de facto o COGAMADS.

Na orde do día, segundo explican estas entidades nun comunicado de prensa, figuraba un punto sobre o desenrolo da enerxía eólica no país.

O vogal do SLG neste órgano, Diego Sánchez Agra, solicitou, co apoio de Adega, FEG e SGHN, a votación do Consello para "emitir un acordo sobre a necesidade de paralización dos informes e concesións de parques eólicos até que o Plan Sectorial Eólico da Galiza (1997) sexa revisado e sometido a avaliación".

Deste modo, os entes ambientalistas procuraban tamén a promoción dunha "mudanza na lexislación para a mellor protección da cidadanía, o medio ambiente e o patrimonio". O acordo, explican, aludía directamente á "necesidade de derrogar as 'leis de depredación'" (5/2017 e 9/2021).

Porén, ante esta petición, Vázquez optou por levantar da mesa: "A conselleira eludiu tramitar a solicitude abandonando precipitadamente a xuntanza ante a sorpresa e indignación das asistentes, quedando mesmo sen tratar o último punto da orde do día da reunión", sostén o comunicado.

"Ao tempo que expresamos o malestar de SLG-CCLL, Adega, FEG e SGHN diante deste comportamento por parte da conselleira, pedimos a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas, as irregularidades no fechamento abrupto da sesión e a convocatoria á maior brevidade posíbel dun pleno extraordinario do COGAMADS para tratar as propostas bloquedas pola conselleira Ánxeles Vázquez", defenden as entidades involucradas.

Por outra parte, aluden ao paso de Beatriz Mato, hoxe na eólica Greenalia, pola propia Consellaría de Medio Ambiente: "Imos estar moi atentas á tramitación das solicitudes de votación bloqueadas no día de onte [pola cuarta feira] pola actual conselleira", afirman, e salientan tamén que Greenalia é "unha das empresas eólicas que máis presión está a exercer sobre o territorio".