Adega urxe clausurar a balsa de lodos vermellos de Alcoa na Mariña

A balsa, de 100 metros de alto, ten capacidade para 28 millóns de metros cúbicos de lamas tóxicas.(Foto: Nós Diario).
Adega urxe o feche da balsa de lodos vermellos que Alcoa ateiga desde hai catro décadas na Mariña. Pide á Xunta que non autorice o recrecemento da lagoa tóxica que a empresa solicitou para elevar o depósito até os 104 metros de altura e ampliar a súa capacidade por riba dos 30 metros cúbicos.

O volume de residuos tóxicos que a día de hoxe acumula a balsa de Alcoa na Mariña está próximo aos 98 metros dos 100 para os que a compañía solicitou permiso en 2004 e que a Xunta da Galiza autorizou en 2006.

O depósito, que ocupa unha superficie de 87 hectáreas no concello de Xove, ao carón das factorías de aluminio e alumina que Alcoa ten en San Cibrao, recolle desde hai máis de 40 anos os vertidos procedentes da actividade mineira da empresa, lodos vermellos, moi ricos en auga, cuxa carga contaminante obriga a un control periódico dos seus compoñentes.

Coa última ampliación concedida polo Goberno galego, a terceira na historia desta instalación considerada "de alto risco", explica a Nós Diario Fins Eirexas, secretario técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Alcoa aspiraba a prolongar a súa vida útil por outros 25 anos, até 2030. 

Ampliar o volume da balsa incrementa o risco de colapso. Abonda xa! Non ten sentido prolongar máis esa ameaza. Hai que fechala xa

Mais antes de concluír ese proxecto de ampliación, a compañía presentou un novo para elevar a cota máxima do dique de contención dos 100 aos 104 metros. De non obter este permiso, apunta a empresa, só podería verter refugallos á balsa outros catros anos, até 2026. De conseguilo, podería estender a produción de alumina a partir da bauxita e o baleirado dos residuos procedentes deste proceso durante case catro anos máis.

Feche e clausura

"Este novo recrecemento responde a unhas necesidades de produción que Alúmina España -dependente de Alcoa- non tivo en conta no seu momento", censura Eirexas para opoñerse á solicitude da compañía. "Ou ben a empresa fallou na previsión de lodos que tiña pensado xerar ou ben a Xunta non cumpriu co seu papel de verificar que a información que achegou a mediados do 2000 era correcta". 

Adega rexeita unha nova ampliación do depósito. "Ampliar o volume da balsa incrementa o risco de colapso. Abonda xa! Non ten sentido prolongar máis esa ameaza. Hai que fechala xa", conclúe Fins Eirexas, unha obriga que Alcoa ten que asumir e supervisar conforme á lexislación "durante 30 anos".

Alcoa está usando a Mariña exclusivamente como vertedoiro

Neste sentido, sinala o plan de clausura da balsa que a  empresa presentou cando o de recrecemento. "A documentación que achegou é contraditoria, xa que nun sitio di que o período de control da infraestrutura é de 30 anos e noutro, de cinco. Este tipo de dúbidas ante a magnitude do risco ambiental que ofrece unha infraestrutura coma esta non é de recibo".

A Xunta debe aclarar esta cuestión e non autorizar unha nova ampliación do depósito "porque non responde a ningún tipo de necesidade de produción", concreta Eirexas. Segundo di, Alcoa instalouse na Mariña para fabricar aluminio a partir da bauxita. Mais esa produción está parada polo prezo da enerxía eléctrica. O único que fai é refinar bauxita, un paso intermedio que xera os maiores contaminantes. "Está usando a Mariña exclusivamente como vertedoiro, asociado á produción de alumina que non funde para transformar en aluminio senón que exporta", un negocio cunha contrapartida ambiental  nefasta.