En Ordes a rede de plataformas solicita o apoio dos alcaldes

Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía piden a actuación da Fiscalía no Iribio

Maquinaria de contrución do parque eólico da serra do Iribio en setembro, co precinto da plataforma veciñal de oposición. Foto: Salvemos O Iribio.
Tras o anuncio dun recurso contencioso-administrativo contra o parque eólico do Iribio, Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía solicitan a actuación do Ministerio Fiscal para investigar novas irregularidades nas actuacións da empresa promotora. Ao tempo, Salvemos Ordes mobilízase denunciando que algúns dos muíños proxectados na comarca acadarán os 200 metros.

As organizacións Adega e Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), en nome da plataforma Salvemos O Iribio, presentaron un escrito na Fiscalía provincial de Lugo. Nel solicitan a actuación do Ministerio Fiscal para investigar se as actuacións que está a levar a cabo a empresa Fergo Galicia Vento SL na Serra do Iribio incorren na ilegalidade. Esta actuación súmase ao recurso contencioso-administrativo que Adega interporá ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza solicitando a paralización cautelar das obras do parque eólico.

A petición ao Ministerio Fiscal foi impulsada por Salvemos O Iribio tras detectar o tránsito de camións de obra nun percorrido de acceso ao cumio da Serra, expresamente denegado pola Consellería de Industria o pasado 21 de agosto. Piden así mesmo que se investigue a actuación do alcalde de Samos, ao que acusan de permitir o paso dos vehículos.

A prohibición da Consellaría chegou logo dunha primeira denuncia, tramitada por Adega o 14 de agosto, tras comprobar que a empresa modificara o trazado de acceso ás obras sen a pertinente avaliación ambiental nin os permisos oportunos. As organizacións lembran que o percorrido “forma parte da zona de especial conservación Ancares-Courel e de Rede Natura e que pertence tamén ao BIC Camiño de Santiago Francés”. Engaden que non é a primeira vez que Fergo Galicia Vento SL actúa “sen permiso da Administración ou en contra das súas disposicións”. A empresa iniciou as obras do parque antes de obter a luz verde, polo que foron paralizadas ata en dúas ocasións.

“Salvemos Ordes” pide o apoio da mancomunidade

Pola súa banda, a Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos Ordes” solicita aos alcaldes da mancomunidade de Ordes que se manteñan firmes na súa oposición aos parques eólicos proxectados. Alertan de que os plans dunha das empresas promotoras, Enel Green Power S.L. inclúen muíños cuxa altura alcanza os 200 metros “a 500 metros das casas”.

Coa próxima saída a exposición pública dos parques eólicos de Gasalla, Monte Inxerio e Solpor, a Rede lembra aos rexedores as declaracións institucionais asinadas en 2018 para declarar a comarca “libre de eólicos”, ao considerar os proxectos “incompatibles cos intereses socioeconómicos dunha comarca rural declarada pola propia Xunta da Galiza de especial interese agrario e gandeiro”. Reclaman, así mesmo, unha transición enerxética e unha ordenación do territorio responsábeis.