Salvemos O Iribio urxe o TSXG a paralizar as obras do parque eólico nesta serra do Courel

Inciden no “grave impacto sobre o territorio” deste proxecto nun espazo natural protexido.

Paralizar as obras do parque eólico no Iribio antes de que este proxecto cause máis danos “irreparábeis”. Esta é a petición que a plataforma Salvemos O Iribio –integrada por máis de 20 colectivos e entidades- fai ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a través dun recurso contencioso-administrativo que presentará Adega.

Un recurso contra a denegación da suspensión da Resolución do pasado 5 de febreiro da Dirección Xeral de Enerxía e Minas pola que se recoñece como “non substancial” a modificación do parque eólico do Iribio, emprazado nos concellos de Samos e Triacastela e promovido pola empresa Fergo Galicia Vento S.L. Ao mesmo tempo, Salvemos O Iribio presenta informes técnicos de carácter ambiental e patrimonial que fundamentan a existencia de circunstancias de especial urxencia que motivan a adopción de medidas cautelares ou a paralización inmediata e provisional das obras en execución do parque eólico.

A plataforma lembra que as obra iniciáronse sen autorización e que foi a denuncia do ecoloxismo oa que logrou a súa paralización cautelar. Inciden en que esta serra está nun espazo natural protexido como ZEC e ZEPVN Ancares-Courel e Rede Natura, zona de campeo do Oso Pardo, especie en perigo de extinción, e área recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago.

Ademais da alteración de grandes superficies de hábitats naturais protexidos, o parque eólico Serra do Iribio podería supoñer, “non só un impresionante impacto paisaxístico, senón tamén a desaparición irreversíbel de poboacións locais de certas especies de aves”.

O recoñecemento da modificación do parque eólico como “non substancial” ditado o pasado mes de febreiro polo director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, serviu, di a plataforma, para eximir automaticamente a Fergo Galicia Vento de ter que someter a modificación do proxecto eólico a unha nova avaliación de impacto ambiental e a un novo período de exposición pública para alegacións.