Adega presenta unha demanda ante o TSXG para conseguir a paralización do parque eólico Acibal

Un dos petróglifos do Acibal (Foto: C. A Rula).
Alén da paralización inmediata das obras, Adega e Amil sen Eólicos demandan “a revogación da autorización administrativa e de construción do parque eólico por graves incumprimentos da DIA, así como a restauración do Monte Acibal ao seu estado previo.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) vén de formalizar demanda perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na que se solicita a paralización inmediata das obras do proxecto eólico Acibal (nas comarcas de Pontevedra e Caldas), en aplicación do artigo 100 da Lei de Patrimonio Cultural da Galiza.

Segundo este artigo, cando no curso dunha obra se constate ou se presuma da existencia dun xacemento arqueolóxico, “a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá ordenar a intervención arqueolóxica de urxencia que resulte procedente e mesmo paralizar, de ser o caso, as obras ou remocións durante un prazo de dous meses, que poderá prorrogarse, de considerarse necesario, por outros dous meses”.

No pasado outono, Adega xa interpuxera recurso contencioso-administrativo ante a Sala Terceira do TSXG fronte á vía de feito na que incorreu a Administración galega por non ter aplicado dito precepto, “consentindo a continuación das obras do parque eólico a pesar dos numerosos achados de elementos do patrimonio arqueolóxico comunicados pola veciñanza á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza durante a execución das obras de construción do parque”.

Na demanda relátanse de maneira exhaustiva, tanto as comunicacións presentadas ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre medio cento de novos achados, como as circunstancias relativas á “actitude pasiva ou mesmo obstrutiva” da Administración galega en relación á protección dos mesmos que impón a Lei de Patrimonio Cultural.

Así mesmo, xunto coa demanda achéganse informes de persoas expertas en arqueoloxía a nivel internacional que acreditan o espolio patrimonial que se acometeu “nunha área especialmente relevante a nivel arqueolóxico, non só no contexto da Galiza, senón a nivel estatal e internacional”.

Tamén se refiren “as trabas” que por parte da Administración galega se lle puxeron “á veciñanza que pretendeu defender o patrimonio colectivo que estaba a ser deturpado, así como os cambios de criterio desa Administración e a insuficiencia dos seus informes, claramente adoptados en favor da empresa Norvento, promotora do parque eólico Acibal”.

Adega solicita que se condene á Administración galega á efectiva paralización das obras a fin de acometer unha valoración acaída dos referidos achados. E, na medida do posíbel, require que a Sala do TSXG se pronuncie con urxencia sobre a adopción da medida cautelar de paralización das obras do parque eólico, solicitada xunto coa interposición do recurso contencioso-administrativo, a fin de que se deteña canto antes “a destrución do patrimonio arqueolóxico da zona, de interese xeral para o conxunto dos galegos e galegas”.

Patrimonio Cultural e Concello de Moraña, “cómplices da desfeita”

Pola súa parte, o colectivo Amil sen Eólicos volve denunciar o “incumprimento continuado por parte da empresa Norvento” das condicións impostas pola Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto e critica “o absoluto abandono sufrido pola veciñanza por parte do Concello de Moraña e da Xunta da Galiza”.

Ambas as dúas administracións, “malia a ser plenamente conscientes de que Norvento está a esnaquizar numerosos petróglifos, rexeitan as denuncias da veciñanza e danlle pulo á empresa para que siga destruíndo patrimonio que é de todos os galegos e galegas, actuando como cómplices da desfeita”, explica o colectivo. Tanto a propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) da Xunta como o Concello “teñen cumprida información” sobre a localización e o interese patrimonial de todos os xacementos atopados e que están a ser destruídos polas obras do polígono eólico, ademais de ter visitado os petróglifos danados”, sinala.

O polígono eólico do Acibal estase a construír “nun auténtico campo arqueolóxico, o cal en boa parte xa foi dinamitado polas obras de Norvento, no Coto do Mouro”, engade Amil sen Eólicos. O monte Acibal conta ademais “cunha ringleira de tetrasqueis, única ma Galiza, e con polo menos catro petróglifos nunha área de 25 metros cadrados na que se pretende construír a subestación”, sinala a organización.

Un deles atópase “nunha rocha con varios gravados rascada xa pola maquinaria pesada da obra”, denuncia o colectivo. “A veciñanza está convencida de que a área de intervención eólica acolle aínda máis xacementos dos que se teñen atopado, mais nos últimos tempos tiveron que cesar as prospección veciñais ante a vixilancia da empresa e os impedimentos que esta lles pon para o libre desprazamento polo monte do Acibal”, afirma Amil sen Eólicos.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola súa parte, practica “unha absoluta deixazón de funcións. Tan só estabeleceu un radio de 50 metros de protección e exclusión das obras arredor do primeiro achado dun tetrasquel atopado pola veciñanza, mais non dispuxo ningunha outra medida preventiva para evitar a destrución dos demais achados e xacementos dos que tivo coñecemento, pasando a velar máis polos intereses da empresa que polo interese xeral”, acrecenta a asociación.

Amil sen Eólicos dubida ademais da falta de independencia e de competencia do arqueólogo que está a facer seguimento dos bens patrimoniais a pé de obra, xa que “nin viu nin comunicou ningún achado arqueolóxico dos máis de 50 bens que afeccionados e veciños atoparon a simple golpe de vista na área intervida por Norvento no monte de Acibal”, explica.

Tampouco a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural parece cuestionar a capacidade e aptitude do especialista, “malia ás numerosas probas que a veciñanza lle ten trasladado da existencia de petróglifos na zona de obras”, di o colectivo. En contraposición,  Amil sen eólicos conta cos avais do arqueólogo xubilado Xulio Carballo, o especialista en tetrasqueis portugués Fernando Coimbra e o Consello da Cultura Galega “para verificar a importancia do monte Acibal como área de extraordinaria riqueza patrimonial na que se debería evitar a construción dun polígono eólico”, asevera o grupo.

Alén da paralización inmediata das obras, Adega e Amil sen Eólicos demandan “a revogación da autorización administrativa e de construción do parque eólico por graves incumprimentos da DIA, así como a restauración do Monte Acibal ao seu estado previo, na medida do posíbel, xa que hai zonas que xa non se poden restaurar porque foron totalmente destruídas”, conclúen.