Belén Rodríguez: "Percibimos un aumento da conciencia ecoloxista nas xeracións máis novas"

Asemblea xeral de Adega en Compostela no seu 40º aniversario (Imaxe: Adega).
Adega, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza celebra o sábado a súa 44ª asemblea reflexionando sobre a transición ecolóxica no país.

"Despois de 44 anos de traxectoria si percibimos un aumento da conciencia respecto  á emerxencia climática actual, especialmente nos últimos anos en nas xeracións máis novas", valora Belén Rodríguez, voceira de Adega, en declaracións de Nós Diario. A entidade celebra hoxe en Carballo a súa 44ª asemblea xeral.

Rodríguez abunda que a incorporación de activistas novas ao movemento ecoloxista resulta "ilusionante". "É importante, pois a presión da xente moza a vai ser determinante á hora de mudara mudar a orientación das políticas e do labor das institucións cara unha transición ecoloxista xusta", afirma. A cuestión da transición ecolóxica centrará, precisamente, as horas de tarde da asemblea. As socias dividiranse en mesas de traballo para reflexionar arredor de tres perspectivas: a enerxético-industrial, a rural-urbana e a da economía circular

"O primeiro eixo é de vixente actualidade e desde Adega temos a intuición de que a crise industrial que vive unha parte do sector, precisamente por motivo desta transición, non está a ser xusta nin ambiental nin socialmente", adianta.

Paralelamente, Rodríguez apunta a que na actualidade o rural "percíbese como un parque industrial". "Por exemplo, desde a industria mineira ou a forestal. Isto, unido a outros factores, pode contribuír a acrecentar o abandono de despoboamento do rural", indica, engadindo que se analizará como inflúen este tipo de iniciativas empresariais na conversación dos espazos e as especies. 

"Para rematar, queremos analizar se a xestión de residuos actual responde a unha economía circular ou se, polo contrario, estamos ante un caso de "greenwashing" ou de propaganda ecoloxista sen un impacto real", conclúe Rodríguez. Adega tamén entregará os seus premios Osíxeno 2019 ao activista Manuel García e ao colectivo Senda Nova, da Costa da Morte.