Osíxeno para Senda Nova e Dioxina para Dirección Xeral de Patrimonio

O estrago do patrimonio cultural e ambiental pola industria do eucalipto e o desleixo perante iso de Patrimonio, do peor de 2019 para Adega.

Adega falla os seus premios Osíxeno e Dioxina 2019 ao mellor e peor ambientalmente do ano.

 

Desde hai case dúas décadas Adega subliña o mellor e o peor do ano desde unha perspectiva ambiental e ecoloxista a través dos premios Osíxeno e Dioxina. Este 2019, informa a asociación, prémiase en positivo á educación ambiental e, en negativo, a destrución do patrimonio ambiental e cultural a favor a industria forestal, enerxética e mineira.

Así, os premios Osíxeno galardoan as mellores actitudes ou actuacións ambientais do ano, e os Dioxina entréganse a persoas e colectivos que teñen protagonizado as accións ou actitudes do ano máis nefastas para o medio ambiente galego.

O premio Osíxeno de honra, concedido para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio do país, vai para Elvira Cienfuegos, catedrática de Ciencias Naturais, bióloga, docente, política e ex-secretaria xeral de Adega.

Premio Osíxeno individual 2019: Para Manuel García, un dos fundadores do Movemento Ecoloxista da Limia e da plataforma Auga Limpa Xa!, ademais de pioneiro na produción e comercialización de horta ecolóxica en Galiza, pola súa acción durante 2019 a prol da defensa ambiental da comarca da Limia fronte á contaminación de terras e mananciais procedente da industria cárnica intensiva, así como pola reivindicación dun modelo agrogandeiro máis sustentable. Actualmente, Coren ameaza con reclamarlle máis de 1 millóns de euros por presuntas “difamacións” contra a empresa.

Premio Osíxeno colectivo 2019: Asociación Ambiental Senda Nova, para poñer en valor o seu traballo durante 2019 e na última década a prol da educación ambiental nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes.

Premio Dioxina individual 2019: para o actual Director Xeral Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, “por avalar a autorización de proxectos altamente agresivos co medio natural (co rural e co mar) e con forte oposición social como a mina de Touro-O Pino, o parque eólico Serra do Iribio ou a mina de San Finx (Lousame”.

Premio Dioxina colectivo 2019: Para os responsábeis da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural “polo seu desleixo e actitude de “deixar facer” á industria forestal ou mineira fronte á protección do patrimonio cultural (Castro de Trinidade, Cova Eirós, Camiño de Santiago, etc.)”.

Os galardóns serán entregados no decurso da 44ª Asemblea Xeral de Adega, que terá lugar o sábado, día 29 de febreiro, no Hostal Río Sil, da vila de Carballo.