Marcha por un xiro nas políticas do monte galego

Cabeceira da manifestación deste domingo en Compostela. [Imaxe: CIG]
Ecoloxistas e sindicalistas, comuneiros e forzas políticas piden en Compostela que se revisen o Plan Forestal galego e a Estratexia Galega contra o Cambio Climático para promover un uso do monte sustentábel e beneficioso para a veciñanza, non para as grandes empresas.

Centos de persoas volveron concorrer en Compostela nunha manifestación en defensa do monte galego dous anos despois da última gran vaga que provocou mortes, perdas e un desastre ambiental no sur-oeste do país. Convocadas por asociacións ecoloxistas, sindicais e colectivos de defensa do patrimonio e comunidades de montes, as manifestantes reclamaron un monte “noso” e con “futuro” e lanzaron consignas con críticas á política de prevención e extinción da Xunta de Galiza que se revelou inútil (cando menos para o monte e as veciñas e veciños que viven no rural) e moi gravosa. 

“Defendendo a terra, sementando o futuro”, dicía a faixa de Verdegaia, unha das máis de vinte entidades organizadoras. Nunha mañá de chuvia, as organizacións sindicais, ecoloxistas e do mundo rural, unidas na plataforma Por un monte galego con futuro, volveron lembrar as recomendacións da FAO e da Unión Europea para camiñar cara unha tenencia máis xusta destas terras e cara á compensación ás colectividades locais polos impactos. Demandan a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento “que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego” e “dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais”.

Desde a plataforma, consideran que a nova política forestal debe ter como principios reitores “a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, o emprego e a sustentabilidade económica e social".

Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, que participou na marcha xunto as candidatas número un por Pontevedra (Carme Da Silva) e A Coruña (Néstor Rego), comentou que unha das contribucións que se pode facer desde Galiza á loita contra o quecemento global é “acertar na xestión dos nosos montes e dos ecosistemas”. Pontón advertiu que o problema ambiental no monte galego ten que ver “cunha política que se vén facendo desde a Xunta de Galiza e que pon por riba os intereses de empresas como Ence fronte aos intereses xerais do país”. A líder nacionalista dixo que “cambiando as políticas, onde hoxe hai un problema poderemos ter unha oportunidade”. Na manifestación tamén tomaron parte outros líderes políticos, como Antón Sánchez (Anova), portavoz do grupo Común da Esquerda no Parlamento.

Ecoloxistas e sindicalistas, comuneiros e forzas políticas coinciden ademais na necesidade de revisar a Estratexia Galega contra o Cambio Climático, que parece potenciar o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido.

 

En actualización