Adega organiza un ciclo de palestras sobre o impacto da enerxía eólica

Parque eólico do Sil en Nogueira de Ramuín (Foto: Iberdrola).

A próxima cuarta feira, 5 de maio, a asociación ecoloxista Adega pon en marcha un ciclo de mesas redondas baixo o título “Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza”. Serán cinco xornadas que se desenvolverán até o 2 de xuño.

Do 5 ao 2 de xuño, cada cuarta feira, Adega organiza charlas sobre a enerxía eólica para analizar “desde diferentes puntos de vista os impactos que poden carrexar para o noso territorio a actual enxurrada de proxectos” que se están a tramitar e que a asociación ecoloxista cifra en 130 que suman 10.000 megavatios en potencia de tramitación, case o triplo do actualmente instalado.

Nunha nota de prensa, Adega rexeita o actual modelo de desenvolvemento eólicopor carecer dunha planificación racional e axeitada para afrontar o reto da descarbonización e do quecemento global, por non ter en conta as necesidades enerxéticas da Galiza e por reproducir o noso papel histórico como territorio colonizado e espoliado para a xeración de enerxía eléctrica en beneficio do grande capital e doutros territorios intensamente consumidores”.

A “actual carreira” das empresas eólicas pon en risco, advirte Adega, “a preservación do patrimonio cultural e da biodiversidade, a viabilidade dos sectores económicos primarios e estratéxicos, a nosa paisaxe e pode significar o golpe final para o futuro do rural galego”.

A primeira das mesas decorrerá o 5 de maio co lema “Impactos sobre o patrimonio”, ás 19.30 horas, e poderá visualizarse desde a páxina web de Adega e a súa canle de Youtube. Participarán Xabier Moure, de Patrimonio dos Ancares; Aurora Grandal, xeóloga da UDC; Pilar Sánchez Monje, de O Sorriso de Daniel, e Luis Leclere, do Colectivo A Rula, coa moderación de Xiana Iglesias, membro de Adega.

O 12 de maio terá lugar á mesma hora unha palestra para avaliar o impacto sobre a biodiversidade, sobre hábitats e especies de valor singular ou sobre as áreas da rede europea de espazos protexidos Rede Natura. Intervirán Óscar Rivas, da Sociedade Galega de Ornitoloxía; Roberto Hermida, da Asociación Drosera; Óscar Chao, do Proxecto Rebinxe e Ernesto Díaz, da Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica, coa moderación de Lucía Álvarez, de Adega.

O impacto socioeconómico analizarase o 19 de maio, a cargo de Xavier Simón, do Observatorio Eólico Galego (OEGA), autor da guía para propietarios e propietarias de terreos eólicos; Margarita Senra, de Bierzo Aire Limpo; Xosé Alfredo Pereira, da Organización de Montes en Mancomún, e de Vitoria Fernández-Armesto, da Casa Grande de Xanceda. Moderará Froilán Pallín, de Adega.

Os colectivos afectados terán a voz o 26 de maio, día en que participarán Carlos Penedo, da Rede Galega por Un Rural Vivo; Alexandre Cendón, da Asemblea do Suído; Araceli Macías, de Rural Mutante e Ariadna Fergón, veciña afectada polos eólicos de Lalín, coa moderación de Belén Rodríguez, de Adega.

O ciclo de palestras concluirá o 2 de xuño, na Semana do Medio Ambiente, coa presenza de partidos políticos con representación nas institucións galegas para expor as súas posturas ao respecto da actual vaga eólica e as súas repercusións sobre o territorio galego. Participarán Marta Novoa, portavoz de Enerxía do Grupo Parlamentario do PP; Noa Presas, portavoz de Enerxía do Grupo Parlamentario do BNG; Pablo Arangüena, portavoz de Medio de Ambiente do Grupo Parlamentario do PSdeG; e Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova.