Adega logra paralizar o "macroeólico" de Greenalia dividido en tres parques

Construción dun parque eólico da compañía enerxética galega. (Foto: Greenalia)
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) e a PDCC (Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica) interpuxeron os correspondentes contenciosos contra as autorizacións da Xunta a estes tres parques, solicitando tamén a súa paralización cautelar.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de acordar por medio dun auto a paralización cautelar do parque eólico Monte Toural, tal como xa fixera cos parques Campelo e Bustelo, os tres da empresa Greenalia.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) e a PDCC (Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica) interpuxeron os correspondentes contenciosos contra as autorizacións da Xunta a estes tres parques, solicitando tamén a súa paralización cautelar.

Tal e como acontecera cos outros dous parques eólicos, o Tribunal dá novamente a razón a estas dúas entidades e acorda paralizar tamén o Monte Toural, en aplicación do principio de precaución e pola protección do medio ambiente sobre outros intereses como os da promotora.

Se ben Campelo, Bustelo e Monte Toural son oficialmente tres parques eólicos diferentes, desde Adega sinalan que, en realidade, se trata dun "macroparque" que Greenalia dividiu en tres para facilitar a asúa tramitación.

"Xunta e Greenalia, desautorizadas"

As consideracións das partes demandadas, Xunta e Greenalia son "practicamente idénticas, e baséanse, entre outros argumentos, no interese público de desenvolver as enerxías renovábeis e na inexistencia de danos irreparábeis aos hábitats e especies afectadas", apuntan desde Adega.

Porén, acrecentan desde a organización ambientalista, "Xunta e empresa recoñecen impactos sobre hábitats (dous humidais catalogados) e especies protexidas, incluidas algunhas endémicas e en perigo de extinción (Lycopodiella inundata, Euphorbia uliginosa, e Centaurea ultreiae, entre outras)".

O Tribunal destaca a necesidade de aplicar os principios de prevención e precaución pola "relevancia excepcional" do espazo natural protexido (humidal inventariado -Lagoa Alcaián- e paisaxe protexida) e das especies en perigo de extinción, "unha delas endémica e en perigo crítico", que con certeza van ser afectadas polas obras.

Tamén di que a simple existencia de medidas correctoras non garante que non se vaia producir un dano irreparábel.

Para alén diso, a xustiza exhimiu Adega de pagar as caucións xeradas neste proceso.