Adega galardoa a defensa dos ríos galegos e a aposta polo rural cos seus Premios Osíxeno

Fernando Cobo recibirá o Premio Osixeno da Honra 2021. (Foto: Adega)
Entregaranse o vindeiro 27 de marzo Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), durante a realización da 46ª Asemblea Xeral de Adega.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) galardoará a defensa dos ríos e rías da Galiza e a aposta polo rural fronte á "invasión eólica" na vixésimo primeira edición dos seus Premios Osíxeno e Dioxina, que se entregarán o vindeiro 27 de marzo Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), durante a realización da 46ª Asemblea Xeral de Adega.

Os premios divídense entre os Premios Osíxeno, que condecoran as mellores actitudes ou actuacións ambientais do pasado 2021, e os Premios Dioxina, que son entregados a "persoas e colectivos que teñen protagonizado as accións ou actitudes máis nefastas para o medio ambiente galego durante 2021".

No caso dos Premios Osíxeno, Adega outorga o premio na categoría individual a Aranza González, presidenta da Asociación Aire Limpo nas Mariñas e secretaria da Comunidade de Montes Veciñais de Monte de Gato, pola súa "actitude resiliente e mobilizadora fronte a invasión eólica das Terras do Mandeo e As Mariñas Coruñesas e, en xeral, de todo o rural galego".

En canto á categoría colectiva, a asociación decidiu entregar o galardón á Asociación Para a Defensa da Ría (APDR), que en 2021 "conqueriu unha importante vitoria xudicial para o futuro da ría de Pontevedra". Adega destaca nun comunicado que "APDR acadou sentenza favorábel da Audiencia Nacional pola que se anula a prórroga extraordinaria que permitiría a ENCE permanecer en Lourizán até o ano 2073, constituíndo este feito o principio do fin da continuidade de ENCE na ría de Pontevedra".

Asemade, entregarán o Premio Osíxeno de Honra 2021 a Fernando Cobo, profesor titular do departamento de Zooloxía da USC e ex-director da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, polo seu "excelente traballo ao fronte deste centro de investigación durante máis de 16 anos e a súa constancia no impulso de proxectos e estudos que contribuíron a coñecer máis e mellor os nosos ríos, tanto dentro, como fóra das nosas fronteiras".

Premios Dioxina 2021

En canto aos Premios Dioxina, na categoría individual Adega premiou a Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, Ánxeles Vázquez, por "non respectar" os órganos de participación pública e vetar a votación da moratoria eólica no Consello de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (Cogamads).

Os ecoloxistas critican que, durante 2021, a conselleira de Medio Ambiente fixo caso omiso das "constantes apelacións do ecoloxismo e da sociedade galega en xeral" que lle instou ampliar a rede de espazos protexidos, Rede Natura 2000, e a actuar contra as "ilegalidades e os abusos que están a cometer" as empresas enerxéticas en contra da contorna natural e das persoas.

Por último, na categoría colectiva, concédelle este galardón ao Complexo de "xestión" de residuos de Sogama, "participada pola Xunta en 51%", por "mentirlle descaradamente a sociedade galega sobre os seus avanzos na adaptación á economía circular e á sutentabilidade" e "constituír un lastre ambiental, económico, histórico e social" para o cumprimento dos obxectivos europeos en materia de residuos.

"En 2021, a Xunta adxudicou a xestión da incineradora, que custou ao erario público nada menos que 238 millóns de euros por un período de 10 anos". detalla a asociación, que critica que, "alén do indecente gasto que supón incinerar os RSUs (e a contaminacion que provoca), hipotécase por 10 anos a xestión dos refugallos impedindo de facto a mudanza do modelo de tratamento".