Adega urxe protexer os caudais do Ulla e Xallas ante Altri e Xeal

Lagoa da comarca da Ulloa que presenta un mal estado da calidade da auga. (Foto: Adega)
Reclama priorizar o uso ambiental da auga sobre o industrial

A asociación ecoloxista Adega informou hoxe da súa participación no trámite de concorrencia de proxectos para a concesión de caudais con destino a usos industriais e hidroeléctricos que Altri e Xeal solicitaron nos ríos Ulla e Xallas, respectivamente.

É a primeira vez que Adega participa nun procedemento de concorrencia de proxectos regrado no Regulamento do Dominio Público Hidráulico, que se abre cando unha ou máis empresas solicitan ao organismo regulador unha concesión de auga. Nestes momentos, dúas empresas concorreron a estas concesións: Altri e Xeal.

Altri pediu para usos industriais 535 litros por segundo do río Ulla, no encoro de Portodemouros (entre Arzúa e Vila de Cruces) que destinarían á planta de fabricación de fibras téxtiles con eucalipto en Palas de Rei (comarca da Ulloa). Segundo Adega, Altri precisaría ao ano 500 millóns de metros cúbicos de auga, o que equivale á que consumiría a poboación de Palas en máis de 3.200 anos. Pola súa parte, a empresa Feroe Ventures & Investiments -participada por Xeal, a antiga Ferroatlántica- solicitou o uso de 84,5 m3/s do río Xallas para a súa central de bombeo de Mazaricos (comarca do Xallas).

O secretario técnico de Adega, Fins Eirexas, explica a Nós Diario que non teñen información sobre os obxectivos dos proxectos de Altri e Xeal. “Non sabemos cales son as características técnicas nin o estudo de impacto ambiental”, sostén, “o único que sabemos é que ambas solicitaron á Administración Hidráulica Augas da Galiza a concesión de auga para os seus proxectos”, os cales non poderían desenvolverse no caso de denegárenllela.

Este trámite tamén está aberto a persoas xurídicas e particulares que queiran reclamar a mesma concesión para outros usos. “É o que se denomina concorrencia competitiva de proxectos para acceder a unha concesión”, indica Eirexas. É dicir, calquera empresa pode concursar e, neste caso, foi unha ONG, Adega. “Non reclamamos a concesión para uso propio, senón que pretendemos que esa auga que piden Altri e Xeal para os seus proxectos industriais permaneza nos ecosistemas do Ulla e do Xallas para usos ambientais, que son prioritarios sobre os industrias”, explica Eirexas. 

"Nós non imos presentar un proxecto técnico nin un aval económico, como si deben facer as empresas, polo que declararán que a nosa pretensión non se axusta ás condicións da concorrencia e excluirannos”. Mais o obxectivo da asociación non é obter a concesión. Con esta estratexia, Adega busca, por unha parte, facer “unha chamada de atención á Administración hidráulica para que contemple que o uso ambiental está por enriba do industrial". Nesta liña, Eirexas engade que a calidade da auga destes dous lugares é “peor que boa”, dada a contaminación química e os sedimentos, e que o seu aproveitamento podería empeorar o seu estado.

Por outra parte, Adega ao presentarse a concurso das concesións, é recoñecida como parte interesada, polo que terá que ser notificada de calquera movemento que fagan as empresas nos expedientes. É dicir, Adega poderá solicitar os proxectos e os informes de impacto medioambiental que Altri e Xeal presenten durante esta parte da tramitación, unha documentación que non se fai pública.

Eirexas adianta que xa solicitaron o acceso á información do proxecto de Altri. Así, ao “estar dentro”, a asociación pode adiantarse para coñecer as propostas “que queren aproveitarse dos recursos hídricos antes de que se publiquen os proxectos”. Aliás, indica que Adega fará pública toda a información que obteña.