Adega advirte do perigo de meter máis armas no monte para controlar a poboación de xabaril

Os ecoloxistas reclaman un Plan de xestión do xabaril.
Adega cualifica como “extrema irresponsabilidade” as medidas que a Consellaría de Medio Ambiente vén de lanzar para reducir o tamaño da poboación de xabaril en 33 concellos galegos sen límite de cota e a diario ata o 29 de febreiro de 2020. 

“A presencia intensa de armas de caza no monte sen ningún tipo de limitación pode acabar con accidentes certamente lamentables. Cazar todos os días, sumando os días hábiles -quinta e domingo-, coas segundas, terzas, cuartas, sextas e sábados, ou de noite, e que agricultores poidan realizar esperas pola súa conta (aínda que sexa asistidos e con permiso) son actividades puramente cinexéticas, que na práctica non son controlables”, alerta Adega nun comunicado emitido hoxe.

Os ecoloxistas lembran que no país non hai costume de que se cace fóra dos días hábiles, “e iso quen anda no monte sábeo”. 

Sobre a emerxencia cinexética,  que precedeu as medidas anunciadas, Adega sinala que non ten constancia dunha situación deste cariz antes na Galiza, e lembra que a declaración debe responder “a que fique acreditada a existencia dunha situación especialmente perigosa, así como ter acreditado o tamaño da poboación”.

“Se ben a ameaza de que puidese chegar a peste porcina está presente, non vai ser controlada con estas medidas”, sosteñen os ecoloxistas, e recomendan que o prudente sería aprobar un protocolo “serio” de bioseguridade.

Ademais, din que non se ten realizado unha estimación do tamaño da poboación “con criterios obxectivos” nin será posíbel facelo “mentres non se teña elaborado un Plan de xestión do xabaril”.  Desde Adega explican que os avisos por danos ou motivacións alleas a criterios técnicos “non poden ser a base sobre a que a Xunta sustente unha emerxencia cinexética”.