Centos de alegacións contra a ‘restauración’ da canteira de Casalonga

A plataforma cifra en máis de 500 os veciños e veciñas que nesta fin de semana tramitaron os recursos contra o proxecto   que, denuncian, agocha baixo o pretexto de ‘restauración’ o depósito de millóns de metros cúbicos de residuos.

Máis de 500 veciños e veciñas do concello de Teo, na comarca de Santiago, formalizaron nesta semana as súas alegacións contra o proxecto de ‘restauración’ da canteira de Casalonga por parte da empresa Toysal.  Esta fin de semana a plataforma Casalonga Limpa de Residuos estivo no local social da Igrexa de Calo polas mañás para atender dúbidas e recoller alegacións da veciñanza que así llo solicitara. 

O 20 deste mes remata o prazo para presentar as. “A veciñanza xa sabe que esta empresa o único que quere é botar 10 millóns de metros cúbicos de residuos no monte para despois poñer terra enriba e dicir que xa está restaurada”, denuncian desde a plataforma.

Este colectivo mostra a súa satisfación pola resposta veciñal. Lembra que as alegacións tamén se poden presentar on line e que na súa web hai os formularios precisos para facelo.

As alegacións máis comúns son sobre a contaminación da auga das minas e dos pozos das casas, os cheiros, as plagas de insectos e roedores, o aumento de tráfico pesado cargado de residuos, a preocupación polos meniños da unitaria de Casalonga (a 900m da zona cero) e do colexio de Calo (a menos de 2km).