Centos de persoas amosan o seu rexeitamento ao vertedoiro de Casalonga en Teo

Manifestación contra o vertedoiro de Casalonga, en Teo. Foto: Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.

Centos de manifestantes amosaron este domingo na aldea de Casalonga, en Teo, o seu rotundo rexeitamento ao vertedoiro. A marcha, dun quilómetro, foi o ramo de 24 horas seguidas de mobilizacións veciñais contra “esta agresión á terra e á saúde”.
 

De “histórica” cualificaba a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos a xornada. “Conseguimos a implicación de todo tipo de colectivos da contorna”, di, antes de engadir o mérito de facelo “nun entorno rural”. “Convocando a manifestación no punto cero, a veciñanza apostou por poñer en valor o lugar onde eles viven e o que queren protexer”, afirma a organización.

 

As persoas que asistiron á protesta tras unha pancarta que rezaba “zona residencial, non residual” camiñaron un quilómetro pola estrada N-550 e, nunha finca cedida pola veciñanza, leron o manifesto. O presidente da plataforma Jaime Ares, o membro da mesma Marcos Ares e a actriz Mabel Rivera tomaron a palabra.

 

Coa Plataforma Casalonga Limpa de Residuos solidarizáronse facendo acto de presencia colectivos como a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre, a contraria á Mina de Touro-O Pino, as veciñas que se opoñen aos vertedoiros de Miramontes e de Lesta, a agrupación de ordes Aire, Terra e Auga Limpas, Salvemos Catasós de Lalín, ou Recuperación do Río Sar.

 

“O Goberno galego ten na súa man solucionar este problema”, explica Casalonga Limpa de Residuos, “cunha modificiación lexislativa acabaríase o pesadelo que viven desde hai un ano os habitantes da zona. O pobo falou, e pide que as leis sirvan para protexer os cidadáns e a terra e non o enriquecemento duns poucos”.

 

24 horas de mobilización


A manifestación foi o final dun día completo de protestas. Que se fixo evidente nas numerosas pancartas que penduran das casas e negocios do lugar. “A canteira non é negocio, o negocio é o vertedoiro” ou “explotar a canteira obriga a restaurala”, sinalaban os cartaces improvisados. “A veciñanza apoiou con entusiasmo este acto tan ambicioso e respondeu de xeito exemplar”, conclúe a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.