Adega define 2022 como o ano da "regresión ambiental e democrática"

Contaminación provocada pola mina de Touro no tramo medio do río Portapego. (Foto: Nós Diario)
A asociación ecoloxista prevé un 2023 "moi duro" na defensa do medio.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) fixo unha valoración ambiental negativa de 2022 no ámbito galego. Desde Adega caracterizan como "preocupante" a intención das Administracións públicas, incluída a Unión Europea, de "percorrer o perigoso camiño da regresión" en materia de dereitos ambientais e democráticos. 

Na súa compilación de agravios ambientais á Galiza no ano 2022, dada a coñecer esta terza feira, a asociación ecoloxista destacou a "invasión eólica", e puxo en valor o traballo realizado por Adega para frear proxectos eólicos como o de Campelo e o de Bustelo (Bergantiños). Denunciou tamén as facilidades postas polo Executivo estatal para a tramitación ambiental dos proxectos e o "empurrón" que o Goberno español lle deu á eólica mariña ao tramitar nove parques eólicos nas costas galegas.

'Eólica, así non'

"Ante un escenario cada vez máis belixerante cos valores democráticos", as galegas e os galegos autoorganizáronse na Coordinadora Eólica Así Non "na procura da alternativa ao actual modelo enerxético". As protestas deste colectivo, lembrou Adega, fixéronse oír tanto nas rúas galegas como na Comisión Europea.

Adega recordou tamén que en 2022 a Galiza sufriu "os peores lumes despois de 2006 e, quizais, os peores de todos os tempos para os espazos protexidos".

Neste caso, a poboación organizouse na Plataforma por un Monte Galego con Futuro, que denunciou a Xunta polo seu "desleixo e neglixencia" na vaga incendiaria.

Da mesma maneira, a asociación ecoloxista aproveitou para denunciar a parálise na protección e recuperación de especies en perigo e recordou a necesidade de protexer os humidais galegos inventariados. 

Adega vaticina un 2023 "moi duro" na defensa do medio ambiente galego e dos demais intereses colectivos, "nas rúas e nos tribunais, fronte á invasión eólica" tanto nos montes galegos como na costa.