Adega critica a incorporación de Serra do Barbanza en Sogama: "É un paso atrás"
A asociación ecoloxista Adega denuncia que a integración da Mancomunidade Serra do Barbanza en Sogama supón abandonar un dos modelos de reciclaxe "máis eficientes" do país para reforzar un sistema que "incumpre sistematicamente os obxectivos ambientais" marcados pola normativa europea.
A decisión da Xunta da Galiza de incorporar a Mancomunidade Serra do Barbanza a Sogama, anunciada o pasado 30 de decembro de 2025, foi cualificada pola Asociación para a Defensa Ecoloxista de Galiza (Adega) como "un paso atrás histórico" na xestión dos residuos. O acordo —asinado coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o presidente da Mancomunidade e alcalde de Brión (comarca de Compostela), Pablo Lago— implica que os residuos que até agora se trataban na planta de compostaxe e reciclaxe de Lousame (comarca de Noia) poderán pasar a xestionarse a través das instalacións de Sogama, empregando plantas de transferencia como as de Santiago de Compostela, Boiro (O Barbanza) ou Cee (comarca de Fisterra).
Desde Adega critican duramente o discurso oficial da Xunta, que presenta Sogama como "unha das plantas máis sostíbeis e eficientes do Estado español". A organización ecoloxista considera que esta afirmación responde a unha estratexia de greenwashing e lembra que o modelo do Barbanza foi, durante anos, un referente estatal. De feito, desde a súa posta en marcha en 2003, alcanzou porcentaxes de reciclaxe que multiplicaron por cinco as de Sogama, superando mesmo o 60% até 2010 e mantendo despois cifras do 35–50%, moi por riba do sistema de Sogama, que se mantivo en arredor dun 10%.
Segundo os datos achegados por Adega, Sogama tratou xa en 2025 o 82% dos residuos xerados na Galiza e, coa incorporación do Barbanza, pasará a xestionar arredor do 85%. Isto converte, ao seu xuízo, Sogama na principal responsábel de que Galiza sexa unha das comunidades autónomas con peores datos de reciclaxe do Estado, situándose á cola xunto con Ceuta e Melilla. Mentres tanto, os modelos alternativos como Barbanza ou Nostián (Arteixo, comarca da Coruña) alcanzaron o dobre de reciclaxe que o sistema Sogama.
Unha fusión chea de dúbidas
A asociación ambiental tamén cuestiona a suposta capacidade de Sogama para tratar o 100% do lixo galego. Sinala que a incineradora ten un límite fixo e que a redución da vertedura só se produce cando diminúe a cantidade de residuos que entran no sistema. Neste sentido, alerta de que o acordo coa Mancomunidade Serra do Barbanza non reduce o problema, senón que "simplemente" traslada os residuos a outro lugar: do vertedoiro de Sobrado (Terra de Melide) ao vertedoiro sen fin da Areosa, en Cerceda (comarca de Ordes), o maior vertedoiro da historia da Galiza, con máis de 6,5 millóns de toneladas acumuladas desde 1995.
Adega lembra tamén que as melloras anunciadas por Sogama nos últimos anos tiveron un impacto "moi limitado". A reciclaxe total apenas pasou do 5,3% en 2018 ao 8,2% en 2020, para volver baixar ao 6,7% en 2024. A planta de compostaxe, tras catro anos de funcionamento, só tratou o 0,1% dos residuos entrantes. Todo isto, din, evidencia que o modelo centralizado está estancado e lonxe de cumprir os obxectivos do 50% de reciclaxe fixados para 2020 e do 55% exixido para 2025.
Outra das preocupacións de Adega é a falta de claridade sobre o futuro da planta de Lousame. O anuncio da Xunta non concreta se Sogama tratará só os rexeites ou se implicará o feche total das instalacións actuais, cunha posíbel perda de empregos. O que si se confirma é que a Mancomunidade deberá adaptar o seu sistema de recollida ao modelo Sogama, incluíndo o contedor de envases, un sistema que ofrece uns resultados de reciclaxe moi baixos en comparación cos alcanzados até agora no Barbanza.
Por todo isto, Adega lamenta que se abandone un modelo local eficiente para reforzar o sistema Sogama, cunha dedición que cualifica de "trumpismo ambiental da Xunta", e lembra que, mesmo dentro do ámbito Sogama, os concellos conservan do Barbanza marxe de actuación. A organización aposta por reforzar a separación en orixe, a recollida porta a porta e a compostaxe doméstica e comunitaria como vías reais para mellorar os datos de reciclaxe. "A responsabilidade da xestión dos residuos, aínda coa sabotaxe da Xunta, segue nas mans das autoridades locais", conclúe a entidade ecoloxista.

