Adega chama a aparcar o vehículo máis alá do Día Mundial Sen Coches

paseo bicis parque
Desde Ferrolterra, a asociación reclama á Administración estatal coidar o tren de proximidade.

"Por unha mobilidade sen emisións" é o lema da Semana europea da mobilidade na que se insire o 22 de setembro, o Día Mundial Sen Coches. Nesta data, colectivos ecoloxistas, asociacións ou Administracións públicas lembran a importancia de mudar o volante polo guiador da bicicleta, abrindo paso a medios de transporte menos contaminantes.

É o caso de Adega, que desde a súa agrupación de Ferrolterra advirte da necesidade de aparcar o vehículo privado. A asociación lembra que o coche particular é o responsábel da maior parte da polución nas urbes, con 80% das emisións de dióxido de nitróxeno e o 60% das emisións de partículas.

"Pedimos á poboación que cambie os seus hábitos no referente a súa mobilidade e favoreza sistemas alternativos menos ou nada contaminantes", salientan nun comunicado.

Ao tempo, a asociación reclama coidar os medios de transporte colectivos como o tren de proximidade. "Nesta comarca con case duascentas mil persoas é importante ter un bo funcionamento do Feve, abandonado a súa sorte polo Goberno estatal", denuncian.

O coche, salientan, ten unha pegada de dióxido de carbono de cando menos 104 gramos por cada dous pasaxeiros. "O tren, levando moitos máis pasaxeiros, tan só ten unha pegada de 14 gramos de dióxido de carbono", engaden.

A maiores, o transporte por estrada é responsábel de 90% das emisións deste gas contaminante, mentres que o tren "soamente de 0,3%.