Faustino Gómez, Composcleta: "Os medios eléctricos non son competidores, poden ser aliados no cambio de mobilidade"

Actividade da asociación Composcleta e Faustino Gómez.

O pasado 3 de xuño celebrábase o Día Mundial da Bicicleta. Este vehículo, considerado o máis ecolóxico e económico para a mobilidade individual, está de actualidade polo incremento de vendas como consecuencia da pandemia. En Compostela a asociación Composcleta leva sete anos reivindicando o seu uso e agora avisan do incremento de vehículos eléctricos cos que tamén hai que convivir. A orografía do territorio non é escusa. Pódese mudar a idea que temos da bicicleta da mesma maneira que fixeron outros países.  

Como xurdiu a idea de facer unha asociación en defensa da bicicleta?

Composcleta créase en 2013 dentro dun grupo de persoas que facía masa crítica en Compostela. Quedabamos as segundas quintas feiras de cada mes. Pensamos que non tiñamos capacidade de diálogo e presión coas administracións públicas, especialmente co concello, polo que decidimos montar a asociación.

Pensas que hai cidades máis e outras menos aptas para o uso da bicicleta?

No caso de Compostela temos un caso curioso. Non é mala para ir en bici, facémolo habitualmente os que a usamos como medio de transporte que no caso desta cidade somos unha minoría. É unha cidade cun núcleo urbano pequeno de 5 quilómetros de diámetro con 170.000 vehículos circulando diariamente. Con menos de 100.000 habitantes. Iso é un volume de tráfico brutal. Pódese dicir que é a que ten máis tráfico por habitante de todo o Estado español.

E no trazado urbano, nas rúas, non temos ningún tipo de adaptación de infraestrutura á circulación en bicicleta con algunha excepción no barrio de Fontiñas que son anecdóticos. É unha situación que leva moitos anos así. A nivel galego cidades como A Coruña e Vigo fan moitas máis accións en favor da bicicleta, como é o caso do carril bici de Vigo. 

Aumentou a venda de bicicletas coa pandemia. Somos máis ecolóxicos ou é unha cuestión económica?

Son as dúas. Hai moita xente que con esta situación tivo un baixón económico e a bicicleta é un medio de transporte moito máis barato que o coche. Por outro lado está o tema da seguridade no transporte. Hai xente que desconfía no transporte público por ser fechado e podes ter un contaxio de maneira máis fácil que en bicicleta.

Eu penso que temos que ser cautos na valoración. É certo que hai un despunte actual mais o que hai que facer é tentar consolidala. A percepción da xente que medre. É un proceso lento. Se miras ás cidades de Europa que teñen unha grande mobilidade en bicicleta, as súas políticas teñen prazos a longo prazo. Debería acontecer o mesmo aquí que non pasa agora de 5%.

Os novos medios eléctricos individuais son competencia?  

Os vehículos eléctricos de mobilidade persoal están aquí para quedarse. Sería pouco intelixente pensar que é unha revolución anecdótica. Son vehículos baratos que teñen bastante potencia e con bastante autonomía para poder desprazarte todo o ano en distancias moderadas. Nós, como defensores da mobilidade sustentábel en xeral de medios que poidan manterse no tempo e amábeis para o entorno e a cidadanía, vémolos como unha mobilidade nova. Non son competidores, poden ser mesmo aliados para un cambio na mobilidade. Como todo ten vertentes positivas e vertentes que non o son.

Temos  problema de atoparlles un espazo  na cidade, que non teñan conflito e que sexan seguros. Por outro lado está a mobilidade activa. Coa bicicleta ti fas certo exercicio físico para moverte e non é bo que a xente nin camiñe.

Como potenciar a bicicleta?  

É cunha cuestión cultural, coa percepción social. A falta de implantación da bicicleta aquí non existe noutras cidades de Europa. Non é pola orografía ou por chover menos, é pola normalización dese tipo de mobilidade. Hai que tentar que a sociedade entenda as vantaxes da mobilidade en bicicleta.