As bicis piden paso como transporte amábel e seguro para unha nova normalidade

As cidades ampliaron os usos da bici a raíz da pandemia (Arxina)
No Día Mundial da Bicicleta, que se conmemora cada 3 de xuño, colectivos en favor dunha mobilidade responsábel advirten as aprendizaxes que pode dar a crise sanitaria e as medidas impulsadas para xestionala como panca para impulsar un cambio de paradigma que priorice as persoas sobre os coches. 

Para quen conmemora hoxe o Día Mundial da Bicicleta, esta edición chega, se cadra, con aínda máis argumentos en favor deste medio de transporte: os que achega a experiencia dos últimos tres meses, nos que o confinamento e a práctica paralización da mobilidade deu pé a novas necesidades, derivadas do requirido distanciamento social, das restricións nos traslados e, tamén, dunha revalorización do espazo público.

O tránsito cara á normalidade supón, para os colectivos que defenden unha mobilidade máis respectuosa, un desafío para as Administracións e tamén o momento de repensar a forma de nos mover para garantir a saúde ante eventuais novos brotes epidémicos e, ao tempo, mellorar a habitabilidade, accesibilidade e sustentabilidade nos núcleos de poboación. 

Así se reflicte no informe que o colectivo Mobi-liza trasladou hai unhas semanas ao Concello da Coruña –onde ten a súa base–, no que achega unha serie de propostas para potenciar o tránsito peonil, o transporte colectivo e o uso da bicicleta nesta adaptación "a unhas novas coordenadas do uso do espazo público".

"Isto que ocorreu pode espertar a conciencia da xente de que precisamos movernos doutra maneira e xa existen formas eficaces e que non teñen que estar centradas no coche", expón Fran García, membro deste colectivo e tamén da asociación Verdegaia, que conta con este mesmo informe como guía a nivel galego de recomendacións para concellos, deputacións ou a Xunta. 

"Sobre todo nas cidades, as infraestruturas para vehículos ocupan entre 60 e 70% do espazo público, é unha barbaridade. Temos que volver darlles o protagonismo ás persoas e a outros medios de mobilidade máis respectuosos para tratar de equilibrar esa balanza", propón o activista.

O documento apunta, no que ten a ver coas bicis e os vehículos de mobilidade persoal (VMP), á creación de redes urbanas e interurbanas ciclábeis, "sen afectar o espazo peonil", e chama a habilitar carrís para vehículos a motor e carrís segregados ciclábeis alí onde se poida "para dar seguridade e facilitar o distanciamento físico", ademais de espazos de aparcadoiro seguro, sobre todo en equipamentos públicos e estacións de transporte. Tamén avoga pola promoción dos sistemas de alugueiro público e polo impulso dos servizos de cicloloxística para compras de proximidade e servizos municipais como mercados ou bibliotecas, incentivos para o seu uso en traslados laborais e a promoción da educación viaria desde a escola. "Son medidas que requiren pouco investimento e nin sequera valentía, só vontade. Se calmamos o tráfico e ampliamos as infraestruturas ciclistas será moi fácil que a xente se anime; sabémolo porque xa ocorreu noutros lugares", prevé García.

Rebeca Babarro, integrante da delegación de Mobi-liza en Ourense, fala da mobilidade como unha cuestión "transversal" a traballar desde distintas frontes, desde a liberación do casco urbano de vehículos, mediante fórmulas como os aparcadoiros disuasorios, a redución da velocidade ou a creación de vías "máis amigábeis" para as persoas. "Defendemos unha mobilidaded sostíbel, agradábel e máis vivíbel para todas", indica, para sinalar que este é, "máis que nunca", o momento de implantala. "Fai falta moito máis espazo para o peón, para podermos gardar as distancias, e en Ourense non se están contemplando estas cuestións. Desde que abriron os bares volveu a dobre fila", lamenta, e censura que o plan de mobilidade da cidade estea sen implementar desde o pasado mandato e que o Concello non teña nin respondido ás ofertas do seu colectivo para achegar propostas neste ámbito.

Para José Manuel Suárez Márquez, presidente da asociación viguesa A Golpe de Pedal, as medidas implantadas nas cidades por mor do coronavirus, como ampliación do espazo para viandantes ou os carrís bicis provisionais, "están ben, mais deben ser a plataforma que impulse  cambios máis amplos e permanentes". "O uso do coche ten que ir sendo máis residual, como estabelece a Unión Europea nos seus obxectivos prioritarios para 2030 e 2050", observa.

Tamén na súa opinión, a experiencia desta crise sanitaria "pode axudar no cambio de paradigma da mobilidade urbana que necesitamos e que pasa polo uso da bicicleta". "Nesta etapa, moita xente recuperou as ganas de usar a bici, non só para o deporte, senón como un medio de transporte eficaz, e ese uso é o que nós levamos defendendo anos, porque, de feito, é o medio máis eficiente en cidade: o máis rápid0, o menos contaminante e o que non xera atascos", reivindica. " Se se crean espazos seguros, haberá un efecto chamada, estou certo", afirma.

Unha cadea ciclista pola visibilidade

A Golpe de Pedal é unha das organizacións que, xunto con Verdegaia, Adega, Ecoloxistas en Acción e Greepeace, organizan esta tarde, ás 20.30 horas,  tres cadeas ciclistas en Vigo para amosar, no seu Día Mundial, a alianza da bicicleta co medio ambiente e na loita contra o cambio climático. A acción, que conta co apoio da Coordinadora ConBici, é unha das que terán lugar de forma simultánea en distintos puntos do territorio estatal.

Con elas, as impulsoras queren visibilizar que este medio a "é parte da solución da actual emerxencia sanitaria e climática", promover o seu uso e demandar a ampliación de infraestrurturas específicas. No caso de Vigo, os itinerarios das cadeas partirán do paseo Alfonso XII, praza América e a Porta do Sol. Ademais, en Compostela, a asociación  Composcleta, convoca tamén, ás 20 horas, unha xuntanza ciclista na praza da Galiza