Adega alerta que Altri "ocultou información" sobre o impacto da súa factoría na Rede Natura 2000

Unha factoría de Altri en Portugal (Foto: Caima S.A.)
“Chama a atención que pretendan instalar todo un polígono industrial xusto a carón (a cero metros) dun espazo protexido (ZEC Serra do Careón) con hábitats prioritarios e consideren que o seu impacto sexa compatíbel", aseveran desde Adega.

“O proxecto da celulosa Altri na Ulloa obvia que vai ocupar un territorio proposto pola Xunta da Galiza para integrar a Rede Natura 2000 e que contén endemismos galegos en perigo de extinción”. Así o indican desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) que acrecentan que “no trámite de exposición pública para a concesión de augas (captación e vertedura) da factoría que a pasteira Altri pretende instalar en Palas de Rei (A Ulloa), hai interesante información sobre os "non impactos" desta “macrocelulosa”.

De entrada, aseguran desde Adega, “chama a atención que pretendan instalar todo un polígono industrial xusto a carón (a cero metros) dun espazo protexido (ZEC Serra do Careón) con hábitats prioritarios e consideren que o seu impacto sexa compatíbel".

A seguir, en ningunha parte do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) se menciona o feito de que os terreos a ocupar polas infraestruturas de Altri fagan parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 galega, presentada pola Xunta tanto en 2008 como en 2011, indican. Esta ampliación respondía á necesidade expresada pola propia Comisión Europea (CE), de ampliar a representación de determinados hábitats no Estado Español, e particularmente na Galiza.

“A renuncia da Xunta a ampliar os espazos protexidos baixo esta figura provocou a apertura dun procedemento de infracción por parte da CE. Sería paradoxal que os fondos europeos que reclama Altri para construír a súa factoría serviran para coartar a ampliación da Rede Natura 2000 e degradar un espazo para o que a propia CE reclamou protección”, manifestan.

Para alén diso, aseguran que “un dos impactos máis significativos da macrocelulosa de Altri deriva de localizarse nun territorio de singular rareza xeolóxica e botánica: o complexo de rochas ultramáficas do Careón. Asociadas a estas rochas aparecen especies vexetais únicas: plantas endémicas cuxa área de distribución mundial limítase a uns poucos quilómetros cadrados nos cales afloran estas rochas serpentiníticas. En concreto, estes raros endemismos botánicos afectados polo proxecto son os seguintes”:

-A santolina de Melide (Santolina melidensis) (Rodr. Oubiña & S. Ortíz) Rodr. Oubiña & S. Ortiz.

-A herba de namorar de Merino (Armeria merinoi) (Bernis) Nieto Fel. & Silva Pando.

-A magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) Rodr. Oubiña & S. Ortiz.

Perigo de extinción

“Estas tres especies están catalogadas como ‘En perigo de extinción’, e a elas hai que engadir tamén a Centaurea gallaecica (M. Laínz) Arnelas & Devesa, considerada como ‘Vulnerábel’ no Catálogo galego de especies ameazadas”, aseveran.

Na documentación do proxecto, aseguran desde Adega, “Altri ocultou a presenza destas especies dentro dos predios ocupadas pola celulosa e noutros casos alterou a súa localización, malia existiren citas recentes que certifican a presenza destes raros endemismos botánicos neses terreos”.