Adega acusa a Xunta de mudar de forma "ilegal" a Rede Natura

Unha decena de aeroxeradores na serra do Xistral, incluída na Rede Natura a finais de 2004. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Ecoloxistas consideran "espurio" o método de Rueda.

Adega vén denunciar a intención da Xunta da Galiza de modificar "ilegalmente" o Plan director da Rede Natura 2000. A entidade ecoloxista considera que o Goberno galego pretende con esta decisión "saltar os trámites de consulta e participación pública". O colectivo entende que a proposta vulnera o estabelecido na lexislación estatal e europea.

O proxecto de Lei de medidas administrativas do orzamento galego de 2023 recolle unha modificación do Plan director da Rede Natura 2000. Neste sentido, Adega denuncia que "esta norma, ten a consideración de PORN (Plan de ordenamento dos recursos naturais) e a súa modificación deberá someterse a un procedemento de información pública e contar cos informes preceptivos de diversos organismos".

A entidade ecoloxista advirte que a Xunta da Galiza propón a modificación deste plano mediante o "subterfuxio" da Lei de medidas administrativas, furtando "non só a participación pública da cidadanía, concellos, colectivos sociais e universidades, senón que incumpre diversos preceptos legais que o propio Decreto 37/2014 do Plan director". A este respecto, critican que esta mudanza lexislativa se realiza prescindido do tramite marcado na propia normativa.

 O Plan director da Rede Natura 2000 é un programa de obrigada elaboración por parte das Administracións, suxeito  ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Nesta liña, a asociación ecoloxista lembra que "o documento vixente e aprobado en 2014 foi sometido a dito procedemento, en cumprimento da Directiva 2001/42/CE, trasposta ao Estado na Lei 21/2013".

A proposta de mudanza do Plan director incide nunha maior desprotección do patrimonio natural galego. A Rede Natura  na Galiza está formada aproximadamente por 320.000 hectáreas, mais 107.063 son ocupadas por instalacións eólicas, ocupando 12% da superficie galega, fronte a 27,35% do  territorio estatal.

Adega denuncia que as modificacións "que se pretenden introducir no dito Plan director, que por certo carecen de fundamentos científicos e desouven os requirimentos da CE, o espurio método escollido pola Xunta é ilegal e resposta á intención da Administración galega de eliminar a participación do público".