Rede Natura chega aos seus 30 anos afectada por 54 parques eólicos

Imaxe de arquivo dunhas obras para construír un parque eólico.
Un terzo do espazo protexido xa está ocupado por aeroxeradores.

Hoxe, 21 de maio, celébrase o Día europeo da Rede Natura 2000 (RN), unha figura que define unha"coherencia" de espazos naturais protexidos para garantir un estado de conservación favorábel á fauna, flora e aos seus hábitats. Na Galiza 12% da superficie é RN, mentres que no Estado chega a 27%.

Unha das ameazas que soportan estes espazos é a que vén da man do desembarco eólico. A lexislación galega prohibe desde 2014 a construción de eólicos en Rede Natura, tal e como insiste a Xunta. Mais neste espazo protexido xa hai 54 parques eólicos instalados, como recolle o Observatorio Eólico da Galiza (OEG). Entre os espazos naturais protexidos que contan con parques eólicos en funcionamento, o OEG sitúa as serras do Cando, do Candán ou do Xistral, o Monte Maior, Carnota-Monte Pindo, Costa Ártabra, Costa da Morte Ortigueira-Mera, Brañas de Xestoso e Fragas do Eume, entre outros. 

O informe Macroeólicos Galiza, da plataforma Monfero di Non, cifra en 2.522 os aeroxeradores instalados en Rede Natura e achega ademais, outro dato: máis de 1.400 hectáreas de unidades ambientais da RN estarían afectadas por liñas de alta tensión (LAT) para evacuar a produción dos parques

Un terzo, ocupado

"Que os parques eólicos e as súas infraestruturas ocupen ecosistemas protexidos pola Rede Natura 2000 é pouco común a nivel europeo. No caso galego é algo moi estendido". Así se afirma no Informe da comisión técnica temporal sobre enerxía eólica e paisaxes culturais na Galiza, encargado polo Consello da Cultura Galega. No estudo sinálase que as áreas de desenvolvemento eólico ocupan 107 mil hectáreas das case 320 mil de Rede Natura na Galiza. Case un terzo desta figura protexida, ocupada por eólicos. Nalgúns casos, case a totalidade da Rede Natura é para o desenvolvemento eólico, como é o caso das Brañas do Xestoso ou Xubia-Castro. 

De ampliar o foco, o panorama real é aínda máis preocupante. En 2011 e a exixencias da Unión Europea a Xunta ía incluír na RN máis de 100.000 hectáreas anunciando que aí non se poderían instalar eólicos. Mais esas hectáreas nunca pasaron facer parte da Rede Natura ao non tramitalas a Xunta e, agora, para elas si que se están a formular proxectos para instalar eólicos. Segundo un estudo de Martiño Cabana, da Universidade da Coruña, 30 parques con 135 aeroxeradores queren instalarse neses terreos. Actualmente na Galiza hai 176 parques eólicos e estímase que en trámite hai 275. 

Belén Rodríguez, de Eólicos Así Non, explica a Nós Diario que permitir agora eses parques en zonas que en 2011 ían ser Rede Natura implica, "de facto, impedir a ampliación da RN, eliminar calquera posibilidade de protexer esa superficie". Un argumento que, afirma Rodríguez, empregan ante a xustiza para frear a instalación deses parques.

Reservas biosfera

O informe Macroeólicos Galiza fai tamén unha chamada de atención sobre a afección de proxectos eólicos nas reservas da biosfera: "Tres das seis que hai en toda Galiza quedarían especialmente afectadas, con 1.942 aeroxeradores".