Adega achega os impactos das especies invasoras na Galiza ao alumnado de Ames

Imaxe da exposición
Adega ensinará ao alumnado do IESP de Ames o perigosas que poden resultar as especies exóticas invasoras.

A asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), fará unha visita guiada pola exposición sobre especies exóticas invasoras a vindeira terza feira, 7 de novembro, no IESP de Ames. O obxectivo da actividade é dar a coñecer as diversas problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e concienciar o alumnado para fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos. 

Nesta ocasión, Adega traslada os impactos das especies exóticas invasoras no medio natural e na biodiversidade ao alumnado do IESP de Ames, a través da mostra 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza', que leva instalada no colexio desde o 23 de outubro.

Na mostra e na visita guiada ensinarase o que supoñen as especies exóticas invasoras para os ecosistemas fluviais, co foco nos impactos desde o punto de vista ambiental, mais tamén económico e para a saúde humana. Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas comentadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego. Ademais, daranse a coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos da Galiza.

 

O Proxecto Fluviatilis xa visitou Xinzo de Limia 

 

O Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e é financiado pola Unión Europea, xa realizou actividades noutros centros educativos da Galiza. A exposición  'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza' estivo colocada no IES Lagoa de Antela e no IES Cidade de Antioquía, ámbolos dous situados na comarca da Limia.