O peso mínimo do polbo terá unha marxe de 50 gramos

A modificación entra en vigor esta sexta feira, 3 de novembro
Un exemplar de polbo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un exemplar de polbo. (Foto: Nós Diario)

O peso mínimo dun quilogramo para o polbo terá a partir desta sexta feira unha marxe de tolerancia de 50 gramos unha vez se realice e rexistre a pesada no momento do desembarque, tras a publicación onte no Diario Oficial da Galiza (DOG) da modificación da Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Galiza.

Un cambio que se fundamenta no Real Decreto 418/2015, do 29 de maio, que regula a primeira venda dos produtos pesqueiros e que inclúe a posibilidade de aplicar unha marxe de tolerancia en relación coa pesada dos produtos.

Esta normativa recolle no seu anexo I-B o tamaño mínimo para o polbo nos citados 1.000 gramos, un quilogramo que segundo se especificaba é de aplicación en todas as fases da cadea de produción e distribución, desde o momento da súa captura até a fase da venda polo miúdo. 

Perda de peso

Sinala a orde publicada esta quinta feira, 2 de novembro, que no transcurso destes anos as organizacións sectoriais da pesca da Galiza veñen formulando peticións sustentadas en que o polbo, durante as fases da cadea de produción e distribución, experimenta unha diminución no seu peso alcanzado valores inferiores ao mínimo regulamentario de 1.000 gramos. 

A este respecto, un informe realizado sobre a comprobación e rexistro de pesadas do polbo en determinados intervalos de tempo recolle como resultado que poden existir diferenzas de diminución do peso debido á sensíbel perda de auga. En consecuencia, pode darse o caso de que exemplares que alcanzan 1.000 gramos de peso sufran unha perda no seu tamaño mínimo logo do desembarque. 

Comentarios