Acusan a Xunta de querer burlar as sentenzas da Audiencia sobre Ence

Manifestación contra Ence. (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A Asociación pola Defensa da Ría comunícase co presidente do Consello Consultivo para advertir do intento de Alberto Núñez Feixoo de utilizalo para ignorar as decisións xudiciais.

Previndo unha sentenza que obrigue Ence a abandonar o seu actual emprazamento na ría de Pontevedra, a Xunta da Galiza adoptou a postura do Comité de Empresa da celulosa e vén propoñendo que a fábrica se integre no Porto de Marín, de titularidade estatal.

Para a Asociación pola Defensa da Ría, presidida por Antón Masa,  isto  supón  "un  intento inaceptábel de buscar a toda custa camiños cos que burlar as sentenzas da  Audiencia Nacional", explicou esta quinta feira nun comunicado.

Asemade, cuestiona a estrataxema do Goberno presidido por Alberto Núñez Feixoo de "involucrar" o Consello Consultivo "para favorecer intereses privados, esquecendo o interese xeral do conxunto da cidadanía". 

Por isto, a entidade púxose en contacto con José Luis Costa Pillado, presidente do Consello, para expresarlle a súa "inquedanza" e comunicarlle que "non semella que a Xunta teña competencias para ampliar a zona de servizos do porto, polo que non resulta lóxico solicitar un informe xurídico" sobre esa cuestión, tal e como fixo o Executivo hai uns días. 

A pasada terza feira, o concelleiro de Ordenación do Territorio do Concello de Pontevedra, César Mosqueira, deu conta en rolda de prensa de que en 2005, esta opción xa fora estudada, mais apostaron por outra vía "máis factíbel para saltarse a lei", indicou. 

Esta vía foi a prórroga outorgada polo Goberno español dirixido por Mariano Raxoi (PP), que se atopa en litixio na Audiencia. 

Mosqueira narrou como pediron un informe que resultou "demoledor para os intereses da empresa" e que fechaba definitivamente a porta a esa posibilidade. "É evidente que ningún porto ten unha pasteira", apuntou.

Baseado nestes datos, o edil exixiu a Feixoo que non cree "expectativas absurdas" sobre a permanencia da factoría, e que abandone dunha vez as artimañas "pola vía da fraude", sentenciou. 

Ence ignora a Xunta

Nin sequera a propia empresa fixo mención á opción de incorporarse á Autoridade Portuaria de Marín no documento presentado perante a Comisión Nacional do Mercado de Valores, no que inclúe os resultados económicos do primeiro semestre do ano. 

No informe, recóllense as previsións do custe do fechamento da fábrica no caso dunha sentenza desfavorábel da Audiencia Nacional, que ascende a 200 millóns de euros, incluíndo 42 millóns polo desmantelamento das instalacións.